PP Ponteareas se erixe como a “alternativa” municipal para o 2023

Acto de peche do curso político no Parque Bouza Vella

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP celebrou este domingo un xantar popular con máis de 240 asistentes para pechar este curso político e lembrar que todos deben ter a mirada posta nas próximas municipais de 2023.

A cita celebrouse no parque Bouza Vella, en Ganade, que Villar citou como exemplo de bo facer “o mantemento que fai aquí a Comunidade de Montes de Areas é o que o bipartito non realiza no resto do noso pobo”.

Villar lembrou que só unidos poderase vencer ao bipartidismo que Ponteareas leva sufrindo desde hai 7 anos e que supuxo un atraso evidente e manifesto para a Vila do Tea. “ O noso proxecto está aberto a todos. O noso obxectivo é ter unha maioría suficiente para devolver a Ponteareas un Goberno serio e dialogante”.

Villar agradeceu ás persoas que se uniron nos últimos meses de formacións como ACIP e Cidadáns ao proxecto popular e tamén ás persoas que se afastaron nos últimos anos do PP e agora decidiron volver á que “é a súa casa”. “Grazas de corazón pola vosa valentía e por integrarvos neste proxecto que é o dos veciños, o da nosa terra, Ponteareas”.

Villar resaltou como prioridades a finalización do saneamento, a recuperación integral da Freixa, voltar abrir Ponteareas equilibrando os dereitos dos peóns e vehículos, o emprego local e desbloqueo de chan industrial, a baixada ou conxelación dos impostos, a recuperación de todos os servizos sociais que o bipartito deixou abandonados: residencia, auditorio, escola infantil, centros culturais, Pardellas, etc, unha alternativa de lecer e cultura para os máis novos e ofreceu un goberno dialogante , fronte aos que agora só practican o monólogo”.

Os populares consideran que son a única alternativa real ao actual bipartito e que a división de voto só vai beneficiar a BNG –PSOE por iso chaman á unidade para desaloxar do consistorio a un bipartito que estivo “máis preocupado en subirse o salario en plena pandemia que en resolver os problemas dos ponteareáns”.