PP Ponteareas pide “respecto” ao concelleiro Roberto Mera por criticar a manifestación dos comerciantes

Por un artigo de opinión publicado recentemente
Máis de 600 veciños se manifestaron en Ponteareas reclamando ao goberno local BNG-PSOE diálogo e solucións ante os problemas xerados pola falta de planificación coas humanizacións, peonalizacións e cambios de sentido.

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP de Ponteareas solicita respecto cara a todas as persoas que se manifestaron onte no centro de Ponteareas, máis de 600 veciños, reclamando ao goberno local BNG-PSOE diálogo e solucións ante os problemas xerados pola falta de planificación coas humanizacións, peonalizacións, cambios de sentido e a falta de diálogo.

“Non entendemos a actitude do concelleiro nacionalista Roberto Mera, que no canto de recoñecer os erros e achegar solucións, prefire tachar de “ignorantes” nun artigo de opinión a todas as persoas que onte acudían á concentración e manifestaron a súa opinión sobre a falta de diálogo e os problemas que xeraron as novas peonalizacións”, din dende o PP.

“Non só eran comerciantes senón veciños que residen nestas zonas e que viron como a súa calidade de vida empeorou no último ano. A falta de seguridade tamén foi unha queixa xeneralizada”, continúa o grupo municipal popular.

Os populares de Ponteareas chaman ao diálogo urxente ante a extraordinaria convocatoria de onte realizada polos Comerciantes da vila do Tea e veciños de Ponteareas, “levamos meses denunciando que non deixasen tirados ao sector xa que a campaña do Nadal é moi importante para eles, ao final non foron capaces de finalizar as obras e terán que ver como seguen perdendo beneficios”.