PP Ponteareas critica que o tribunal de contratación suspenda por terceira vez o servizo de axuda ao fogar

Solicitarán a comparecencia no pleno do responsable deste servizo

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP lamenta o deixamento do Goberno bipartito que unha vez máis, tras iniciar a licitación do servizo de axuda a domicilio por dependencia, recibe un novo pau do Tribunal de Contratación, que suspende por terceira vez, todo o aprobado recentemente no último pleno da corporación local.

Os populares consideran que o Bipartito non é capaz de sacar adiante este contrato e que lles interesa seguir mantendo a situación de irregularidade coa empresa á que teñen prorrogado o servizo. “Fai máis de tres anos que debían sacar a licitación este contrato. Supostamente esquecéronse. Isto derivou, sen publicidade, sen pregos e sen expediente de licitación, nunha  contratación a unha  empresa que actualmente presta este servizo, á que o alcalde tamén aumentou o prezo que lle paga nun 25%, un custo que vai contra os usuarios e as arcas locais. Todo iso sen que se mellorase o servizo ou se reducisen as listas de espera. Teñen algún tipo de interese oculto en que este contrato siga prorrogándose de forma irregular?”, pregúntase o PP.

O PP lembra ademais que o bipartito non foi capaz de licitar o servizo, cubrindo as horas que oferta a Xunta de Galicia ao noso Concello para que se eliminen as listas de espera actuais. “Pasamos de ter unha axuda de 500.000 euros ao ano para ter máis de 800.000 euros, pero o Goberno bipartito, a pesar de que a Xunta amplía a subvención un 65%, non só non foi capaz de facer un expediente en condicións, senón que tampouco foi capaz de aumentar as horas que eliminarían as listas de espera actuais en Ponteareas”.

Os populares pedirán o expediente completo e solicitan comparecencia pública dos responsables para que expliquen este novo pau do Tribunal de Contratación.