PP Ponteareas critica que o goberno local pechou as contas 2020 con evolución negativa no aforro

Denuncia un gasto de 2,2 millóns de euros por riba permitido

Ponteareas/PP | O Grupo Municipal do PP denunciou que a liquidación das contas do ano 2020 reflicten a evolución negativa do aforro e unha situación financeira cada vez mais complicada.

“Co peche do exercicio 2020, un ano mais queda demostrado que a tendencia positiva de recuperación en materia de saneamento económico, iniciado polo PP en 2014, deu un xiro de 180 graos. O bipartito está instaurado no malgasto e non está facendo unha boa xestión, o que lles está levando a consumir tódolos aforros que se había xerado” criticaron os populares.

“O bipartito está instaurado no malgasto e non está facendo unha boa xestión, o que lles está levando a consumir tódolos aforros que se había xerado”

O PP esixe ao bipartito que faga caso á Interventora Municipal, a cal no informe solicita e recomenda un “plan de redución de gasto”. “Non cumpren coa Regra do Gasto nin tampouco coa Estabilidade Orzamentaria. Gastaron 2,2 millóns de euros por riba do que o noso Concello se pode permitir. Por primeira vez en varios anos, o Remanente de Tesourería volve a estar en valores negativos, o que significa que hai moitos mais gastos que ingresos. Esta situación derivará na solicitude de máis créditos para poder facer fronte a estas débedas”.

Ademais, o PP lémbralle ao Goberno local que é necesario que afloren as facturas que teñen ocultas sen contabilizar, para poder ser conscientes da situación financeira, sen maquillaxes, e así poder atallar o problema. “Descoñecemos a débeda real porque teñen facturas escondidas nos caixóns, ingresos contabilizados que non son reais…é un descontrol”.