
O Covelo | Financiado pola Deputación de Pontevedra, o Concello de Covelo iniciou o programa de visitas de portas abertas ao Conxunto Abacial de San Martiño de Barcia de Mera para divulgar e poñer en valor un dos elementos patrimoniais máis destacados do municipio, considerado un dos exemplos máis singulares do barroco rural galego.
O complexo está formado pola Igrexa de San Martiño, construída no ano 1676 por orde do Mosteiro de Melón, e pola emblemática Casa Reitoral, coñecida pola súa espectacular fachada barroca con elementos ornamentais únicos. Entre os elementos máis destacados da fachada atópanse gárgolas decorativas, figuras inspiradas na mitoloxía helénica e un Atlante sostendo unha esfera, nunha composición artística de gran valor simbólico e patrimonial.




