“Porrigalia” vibrou coa Gran Batalla das Civilizacións e os X Xogos Olímpicos

O Porriño viviu unha xornada festiva con milleiros de persoas ataviadas de romanos, exipcios, galos, gregos e castrexos

O Porriño | A vila do Porriño viviu este 25 de xullo unha das súas festas máis multitudinarias e especiais coa celebración da primeira xornada da décima edición de Porrigalia. Milleiros de veciños e visitantes sumáronse a esta xa tradicional viaxe no tempo, ateigando as rúas e prazas caracterizados como romanos, gregos, castrexos, exipcios e galos para revivir a Gran Batalla das Civilizacións.

A xornada arrancou co Gran Desfile e un dos momentos máis agardados e divertidos do programa: o Destrone do Alcalde. O actor Pepo Suevos, encarnando ao Rei Castrexo, tomou o control da vila e “depuxo” ao rexedor local, Alejandro Lorenzo. Nun ambiente de pura comedia e bo humor, o propio alcalde aceptou o seu papel de destronado para sumarse despois de cheo á competición participando directamente nas probas olímpicas.

Pregón con acento porriñés e acendido olímpico
O acto central da mañá continuou co acendido da chama e a lectura do pregón oficial , que este ano correu a cargo de Sergio e Daya, máis coñecidos nas redes sociais como Galidrone. Os creadores de contido porriñeses expresaron o orgullo de levar o nome do Porriño por todo o mundo e destacaron a calidez da súa xente. “Para nós é un orgullo enorme estar hoxe aquí. Porque vemos a sorte de percorrer medio mundo contando historias. Coñecemos lugares impresionantes. Paisaxes únicas. Cidades cheas de historia. Pero hai unha historia que sempre contamos con máis orgullo ca ningunha outra. A do Porriño”, dixeron.

Trala lectura do pregón, e antes de decretar o inicio oficial dos X Xogos Olímpicos de Porrigalia, gravaron o primeiro plano dun reel que de seguro xa suma milleiros de reproduccións. Foi no momento en que o alcalde, Alejandro Lorenzo, como última vontade concedida polo Rei Casrtexo, deu paso a Charanga Caliqueños que interpretaron o Himno de Galicia para celebrar o Día de Galicia tamén na localidade.

Foi o pistoletazo de saída para unha intensa tarde de probas de habelencia e resistencia na Praza do Cristo e na rúa peonil onde as distintas delegacións mediron as súas forzas entre risas e aplausos do público. Unhas probas que continúan na xornada deste domingo e para as que non fan falla inscrición, soamente gañas de pasalo ben.

A xornada do sábado comprétase coa exhibición de Crossgalia , a mítica Gran Queimada a cargo do Rei Panoramix e un cheo absoluto nas propostas musicais. Espazos como o Parque Pío XII e a Praza Arquitecto Antonio Palacios vibraron coas actuacións de Kike Varela, Demasiadas Sombras y Pocas Luces, Toni Lomba e os pratos fortes da noite, Grande Amore e Traffic Hause, acompañados polas charangas e batucadas que mantiveron o ritmo nas rúas ata altas horas.

A festa continuou este domingo
Tralo éxito da noite do sábado, Porrigalia afronta hoxe, domingo, o seu segundo día de celebracións. A programación de domingo inclúe o segundo Gran Desfile , novas probas olímpicas , a competición infantil Gladiator Kids na Praza 8 de Marzo e música en directo con Gin Tonic’s , Pulpiño Trikisico, Festicultores e La Patrulla. Unha festa na que ademais se suman os postos de rúa e a hostealaría local ou as exhibicións de cetrería. Sen dúbida, un lugar único para pasar o domingo e vivir entre culturas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.