Pontón propón restituír o banco de terras para dar superficie aos viveiros do Baixo Miño

A portavoz do BNG tamén mantivo unha xuntanza coa asociación de persoas usuarias das traídas de augas que defenden a xestión pública da auga fronte a ameaza do novo regulamento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e as políticas privatizadoras da Xunta
Ana Pontón e a Corporación Municipal

Tomiño | Na súa visita ao concello de Tomiño, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón salientou que naqueles concellos onde goberna o BNG teñen lugar rápidos cambios que “democratizan os concellos, devolven os espazos públicos aos cidadáns e apostan por servizos públicos de calidade”.

A portavoz do BNG mantivo ao longo do día diversos encontros con axentes sociais e económicos do concello nos que tamén participaron a alcaldesa nacionalista, Sandra González e a deputada por Pontevedra, Montse Prado.

Na reunión coa asociación COXAPO, que aglutina a máis de 76.000 usuarios e usuarias das traídas de augas, Pontón comprometeuse a trasladar ao Parlamento os problemas derivados do novo regulamento da Confederación Hidrográfica Miño Sil e que ameaza a xestión pública da auga e seguir denunciando publicamente as políticas privatizadoras da Xunta de Galiza. “Existe un sistema de xestión comunitario que garante, cumprindo coa legalidade o subministro de auga a toda a poboación” e levaremos iniciativas ao Parlamento para que o que “existe na actualidade se regularice”, dixo.

Por outra parte, a portavoz do BNG propuxo restituír o banco de terras para dar superficie aos viveiros do Baixo Miño, un sector, afirmou, do que viven máis de 500 persoas, entre elas moitas mulleres e que segue creando moitos postos de traballo No encontro cos representantes do sector viveirista, a nacionalista lembrou que a iniciativa do banco de terras, impulsadas polo BNG, daba resposta á falta de superficie para a produción pero o Goberno do Partido popular “paralizou o desenvolvemento desta iniciativa”. Pontón lembrou que que o concello de Tomiño conta co maior número de viveiros de Galiza e ocupa o quinto lugar no Estado. Este sector, da flor e horta vive un momento de gran crecemento polo que debe contar con terras que na actualidade non producen. Neste sentido, recalcou que é preciso poñer en marcha o banco de terras para dar resposta ás demandas d@s viveiristas.

Asemade, a portavoz do BNG visitou o mercado remodelado no ano 2015 polo goberno liderado pola alcaldesa nacionalista, Sandra González e que conta coa denominación de “mercado excelente” outorgada pola Xunta de Galiza e a Escola municipal de Música á que asisten máis de 150 alumnos e alumnas de Tomiño e da localidade portuguesa, Vilanova de Cerveira, iniciativa transfronteiriza que leva o nome de “Gotas de auga por gotas de música”.

A visita ao concello de Tomiño finalizou coa participación da portavoz nacionalista nun nun acto aberto á cidadanía baixo o título “Os retos do nacionalismo do futuro”.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!