Ponteareas traballa xa nas modificacións do PXOM esixidas pola Xunta

Tanto o arquitecto director do PXOM como a arquitecta municipal consideran “que as bases do planeamento son válidas e non foron postas en cuestión pola Orde da Consellería”.

Ponteareas | Todas as forzas políticas da Corporación Municipal de Ponteareas participaron, no día de onte e convocadas polo Goberno local, na primeira das reunións logo de coñecerse a Orde da Xunta de Galicia na que se marcan os cambios a realizar no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas, para que se poida levar a cabo a súa aprobación definitiva.

 

Ao longo desta primeira xuntanza de traballo, tanto o arquitecto director do PXOM, como a arquitecta municipal, fixeron constar o seu convencemento de que as bases do planeamento “son válidas” e que non foron postas en cuestión pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Urbanismo. Nese sentido, recoñecendo que “hai un traballo minucioso que desenvolver”, os técnicos foron claros ao afirmar que o Plan “é viable, máis alá dos cambios que a Xunta indica que se deben realizar nas novas zonas de expansión urbana”.

O máis urxente, apuntan, é establecer un procedemento entre os técnicos do PXOM e o departamento de urbanismo da Xunta de Galicia para contrastar “punto por punto todos os cambios a realizar no documento”.

Dada a meticulosidade coa que se van a afrontar os traballos de corrección, o Goberno local non se aventura a marcar prazos concretos pero, aclaran, que todo o que non está reflectido na Orde da Consellería “que é unha amplísima maioría da documentación do PXOM, enténdese como ‘tacitamente aprobado”.

Na reunión de onte, tanto os redactores do PXOM, como a arquitecta municipal coincidiron en que os cambios no rural “non son relevantes” e chamaron a atención sobre o feito de que as cuestións relativas a Patrimonio, que na meirande parte dos Plans atrasan a súa aprobación, “e que foron solucionadas no último ano, non foron obxecto de ningún reparo por parte da Xunta”.

O Goberno local salientou, logo da reunión, que unha das cuestións máis importantes a aclarar coa Consellería de Medio Ambiente e Urbanismo, coa que se solicitou xa unha xuntanza coa súa titular, Beatriz Mato, é a situación dos chans industriais, como pode ser o caso da Lomba, “e que teñen unha importancia fundamental para o desenvolvemento do municipio”.

O equipo técnico do PXOM, que xa traballa nas correccións e axustes a realizar, “dará prioridade a aqueles temas que teñen relación con outras administracións”. Ese foi, precisamente, o motivo polo que non se aventuran a dar prazos concretos xa que “se necesitan informes dalgunha administración pública e, o importante agora, é deixar ben pechado o documento para que sexa definitivo”, aseguraron.
Ao remate das máis de dúas horas de reunión, tanto o equipo técnico como o grupo de Goberno e os demais grupos da oposición municipal, agardan que “este sexa o último atranco para que Ponteareas poida contar, xa de xeito definitivo, con un Plan Xeral de Ordenación Municipal”.

Tanto a concelleira de Urbanismo, María Jesús Garrote, como o alcalde Xosé Represas, explicaron que todos os cambios que se realicen “seguindo escrupulosamente as indicacións da Xunta”, serán levados novamente a aprobación plenaria da Corporación e posteriormente remitidos novamente á Consellería de Medio Ambiente e Urbanismo para a súa aprobación definitiva.

Asemade, alcalde e concelleira, manifestaron o seu compromiso firme “de informar á cidadanía sobre o documento final”, logo das modificacións requiridas pola Xunta “e antes de aprobar no Pleno ditas modificacións”.