Ponteareas tínguese de rosa contra o cancro de mama

Cunha marcha solidaria este sábado 15 de outubro

Ponteareas | Esta fin de semana Ponteareas volverá tinguirse de rosa. Concello e ASCAM Pilar Domingo organizan unha nova marcha solidaria este sábado 15 de outubro coincidindo co Día Mundial contra o Cancro de Mama, unha actividade “coa que visibilizar esta enfermidade, acompañar e apoiar a todas as mulleres afectadas por esta doenza, con especial agarimo ás da nosa contorna”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

A actividade comezará ás 16.00 horas na Praza Maior coa chegada de todas as persoas participantes. A marcha dará comezo ás 16.30 horas e fará un percorrido de ida e volta ata o campo de fútbol de Pardellas, onde se fará unha parada para que as e os asistentes poidan participar nunha actividade grupal de zumba. Será sesión dobre, xa que a marcha rematará de novo na Praza Maior con outra actividade de zumba e baile aberta a todas as persoas.

Para conmemorar este día, durante toda a tarde a Asociación Cancro de Mama Pilar Domingo contará cun posto de información na Praza Maior para difundir os programas e actividades que están a levar a cabo, así como cun posto de merchandising. A alcaldesa anima a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa e a achegarse ata a Praza Maior “para coñecer todo o traballo que se está a facer dende a asociación e incluso sumarse á súa loita como persoas socias ou colaboradoras”.

“Este sábado seguiremos estreitando lazos de solidariedade para achegarnos á realidade dun dos tipos de cancro máis comúns hoxe en día. Esta actividade permitirá a toda a veciñanza descubrir todos os programas e servizos que ofrece a ASCAM Pilar Domingo, pero tamén nos permitirá concienciar e sensibilizar á poboación sobre este tipo de doenza e a importancia dunha detección precoz”, recalca Fernández Davila.

O evento contará coa colaboración da Orquestra Tango, será presentado polo xornalista Terio Carrera e a sesión de zumba estará amenizada polos monitores Bruno Hermida, Noelia Rodríguez, Inma Vilaboa e Jesid Ortega. O peche da actividade será a cargo do grupo de baile moderno, cultural e deportivo Casal-Salvaterra. Dende o Concello agradécese “a implicación de todos e todas elas e da veciñanza nesta marcha que nos permitirá movernos xuntos e xuntas por unha boa causa”.

Andainas Ponteareas25Km
Natureza, medioambiente, deporte e solidariedade volven darse a man en Ponteareas esta fin de semana. O Concello organiza en colaboración co Club de Montaña Xistra as andainas Ponteareas 25km e 12km, unha marcha de media distancia e outra de carácter popular coas que se busca “achegar a todas e todos os participantes á nosa contorna, a desfrutar do río, da vexetación de ribeira, a camiñar polos nosos montes e parques forestais e, ao mesmo tempo, achegar o noso gran de area reunindo alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene que se lle entregarán ao Centro de Reparto de Alimentos da vila”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

As proba sairán o vindeiro domingo 16 de outubro do parque da Feira Vella e percorrerán espazos de gran valor natural e paisaxístico como o río Uma ou A Picaraña para rematar no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino. Ambos os dous percorridos estarán sinalizados con frechas e cintas.

Ás 09.00 horas será a saída da andaina Ponteareas25km, unha proba de dificultade media-alta que forma parte do Open de Andainas de 25km e do calendario da Copa Galega de Andainas de 25km. Este roteiro está calculado para facerse nun tempo de entre 4 e 6 horas con puntos de control e pequenos avituallamentos. Pola súa banda, ás 09.30 horas comezará o percorrido de Ponteareas12km, cunha dificultade media-baixa.

A andaina está aberta a todas a persoas adultas e nenos e nenas maiores de 14 anos acompañados dun adulto responsábel. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata este martes 11 de outubro ás 23.59 horas a través da páxina web do Club de Montaña Xistra. Ata o momento xa hai máis dun cento de persoas de toda Galicia rexistradas.

Para máis información pódese enviar un correo electrónico a info@xistra.org, chamar ao 644 58 32 50 ou entrar na web do Club de Montaña Xistra.