Ponteareas será a capital da música tradicional do país

Coa 54 edición do Concurso de Gaitas do País en setembro

Ponteareas | O Concello de Ponteareas acaba de convocar para o vindeiro sábado 18 de setembro a LIV (54) Edición do Concurso de Gaitas do País. O municipio vivirá ese día a festa musical desta especialidade máis antiga de Galicia, e que coloca a vila como referente no panorama da música tradicional galega.

Os grupos participantes tocarán en directo no exterior da Casa do Concello de Ponteareas, e ademais, cos seus traxes tradicionais completos, recorrerán as rúas da contorna coas súas melodías.

Durante estes pases o xurado decidirá os gañadores dos catro premios que reparte o concurso, os primeiros recibirán 1.800 euros, os segundos 1.200, os terceiros 900, e os cuartos 600. Ademais, cada grupo participante, agás os gañadores, recibirá unha gratificación de 300 euros.

O Concello organiza este premio para promover e difundir a música tradicional galega. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, expón que “para nós é un orgullo e unha grande oportunidade ofrecer un lugar para que os grupos mostren as melodías que dignifican o folclore galego”.

Este ano, ademais, para pechar a festa musical a administración local organiza na noite do sábado 18 de setembro no parque da Feira Vella o concerto de Milladoiro, e o compoñente do grupo Xosé Ferreiros formará tamén parte do xurado do concurso.

Para participar no concurso os grupos que o desexen deben realizar a inscrición no Rexistro de Entrada do Concello de Ponteareas a través da sede electrónica ou a través de calquera das formas previstas no art. 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), de balde.

O prazo de admisión de solicitudes remata o día 10 de setembro de 2021. Máis información na web do Concello.