Ponteareas rendeu tributo a Xosé Represas

Emotiva homenaxe ao seu alcalde falecido en maio pasado
Centenares de veciños de Ponteareas renderon tributo ao seu alcalde Xosé Represas, falecido en maio pasado.

Ponteareas | O CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas foi o escenario este 25 de setembro da homenaxe que Ponteareas realizou ao seu ex alcalde Xosé Represas, falecido o pasado mes de maio tras unha longa enfermidade. O acto foi convocado pola Agrupación Municipal do BNG, co apoio do Concello de Ponteareas.

En 2015, Xosé Represas converteuse no primeiro alcalde nacionalista na historia municipal de Ponteareas, cargo que ocupou ata o pasado 29 de abril, cando viuse na obriga de renunciar por problemas de saúde. Represas faleceu o pasado 24 de maio, á idade de 65 anos.

A homenaxe a Xosé Represas acolleu unha nutrida representación, tanto política como de centenares de veciños ponteareáns. No mesmo estiveron presentes, ademáis da súa familia, a alcaldesa Cristina Fernández Davila; a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; o deputado do BNG ante o Congreso dos Deputados en Madrid, Néstor Rego; a representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda; o deputado (BNG) ante o Parlamento galego, Bieito Lobeira; o ex conselleiro de Medio Rural (BNG) durante o bipartito (2005-2009) Alfredo Suárez Canal, así como o alcalde nacionalista das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e o tamén nacionalista ex rexedor de Salceda de Caselas, Marcos Besada, entre outros. Tamén estiveron presentes representantes do goberno municipal, amigos e coñecidos do ex alcalde ponteareán.

A homenaxe contou cunha exposición de fotos de Xosé Represas, nas que se apreciaban diversas facetas da súa vida política en Ponteareas.

O acto comezou cunha interpretación realizada por diversas agrupacións de gaiteros e de música tradicional e popular galega de Ponteareas. Tamén participaron con emotivas palabras para Xosé Represas e a súa familia a escritora Isabel Blanco o poeta Kiko Neves, toda vez tamén fixeron presenza as agrupacións Son da Rúa e Voces de Arrieiro, confirmando eles mesmos o compromiso de Represas coa cultura e o patrimonio ponteareán.

No apartado das intervencións das autoridades presentes, o responsable do BNG en Ponteareas, Nemesio Boente, expresou que “Pepe nunca se foi” e lembrouno como “un exemplo a seguir”.

Pola súa banda, Ana Pontón cualificou a Represas como “o mellor alcalde da historia de Ponteareas” polo seu compromiso en facer da vila do Corpus “o noso fogar”, unha cidade “máis solidaria, humana e feliz”.

Ana Pontón (ao centro), e detrás a alcaldesa Cristina Fernández Davila e o representante do BNG en Ponteareas, Nemesio Boente, durante as súas intervencións na homenaxe.

A alcaldesa Cristina Fernández Davila lembrou esas ideas que impulsaron a xestión muncipal de Xosé Represas: “outra Ponteareas é posible” e a súa humildade na súa despedida do cargo municipal: “fixen todo o que puiden”.

O acto contou cunha masiva asistencia de veciños e amigos de Xosé Represas.

O acto de homenaxe finalizou coa emisión do documental “Xosé Represas. Soñar o imposible”, un perfil humano sobre a traxectoria política e profesional do falecido rexedor ponteareán, cuxa lembranza que está moi presente na memoria da veciñanza de Ponteareas, da Comarca do Condado e da política galega en xeral.

“Agora só queda traballar como el o fixo”
En declaracións ao noso medio, a rexedora ponteareán Cristina Fernández Davila quixo tamén transmitir como foi a súa relación con Xosé Represas e os retos que afronta ao substituílo ao fronte do Concello de Ponteareas.

O legado de Xosé Represas. Vostede é a súa sucesora ao fronte do Concello. Como foi a súa relación co ex alcalde?
A miña relación con Xosé Represas ven do ano 1990. Fomos veciños, amigos e logo compañeiros de partido. Calquera persoa que tivera a honra de traballar con el aprendía día a día. Era unha persoa cunha gran cultura, cunha gran capacidade de diálogo e de negociación. Para min é todo un orgullo a oportunidade que el me brindou. Todo o que el me foi ensinando durante todos estes anos.

A alcaldesa durante a súa intervención na homenaxe.

É un gran reto substituír a unha persoa que deixou un gran legado aquí en Ponteareas?
É unha honra, un orgullo pero tamén unha gran responsabilidade. O seu legado é moi importante, moi grande. Agora só queda traballar como el o fixo. Con moito ahínco, con moitas ganas, sempre representando e defendendo os intereses da veciñanza.

Cal é o gran legado de Xosé Represas para Ponteareas?
Unha maneira distinta de facer política, pensando sempre no interese xeral. As grandes consecucións foron grandes logros como desatascar o Plan Xeral e grandes temas para Ponteareas, ter a visión dunha cidade moderna e diferente.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.