Ponteareas reforza a seguridade viaria na N-120

Ao seu paso polo IES do Barral

Ponteareas | A Concellaría de Mobilidade e Tráfico de Ponteareas informou da entrada en funcionamento dos dispositivos de redución de velocidade na N-120 no entorno do IES do Barral. A comezos de ano o Concello instalou un semáforo que dotou de seguridade a esa zona, posibilitando que a comunidade educativa poida atravesar a calzada coa máxima seguridade.

“Con esta medida produciuse un evidente calmado do tráfico nos horarios de entrada e saída ao centro educativo e gañouse en seguridade, especialmente para o alumnado”, sinala Roberto Mera, concelleiro de Mobilidade e Tráfico.

Agora, a funcionalidade do semáforo ampliouse e conta cun dispositivo que detecta os vehículos que circulan a máis de 50 km/h, velocidade máxima permitida no lugar, de maneira que a maior velocidade o semáforo se pecha. O edil de Mobilidade e Tráfico lembrou que “un dos obxectivos do goberno é combater a violencia viaria e lograr unha redución da velocidade de circulación dos vehículos nas zonas urbanas”. Mera lembrou que “fomos pioneiros e criticados ao establecer límites de velocidade no centro urbano a 30 e 20 km/h, unha medida que agora se está implantando na maioría dos concellos da provincia e que será norma xeral en todo o Estado”.

“Agora, a funcionalidade do semáforo ampliouse e conta cun dispositivo que detecta os vehículos que circulan a máis de 50 km/h, velocidade máxima permitida no lugar, de maneira que a maior velocidade o semáforo se pecha”

Roberto Mera sinalou que o Concello está preparando unha proposta de mellora do acceso a pé ao IES do Barral. “Actualmente, dende o Paseo Matutino existen moitos tramos sen beirarrúa e ningunha protección para os peóns, de maneira que os douscentos nenos e nenas que adoitan acudir a pé ao centro vense obrigados a camiñar pola calzada e cruzar interseccións sen pasos de peóns, como acontece no acceso e saída da gasolineira”. Mera explica que “esta situación é inadmisíbel e por iso queremos negociar co Ministerio unha solución urxente”.