Ponteareas reforza a mellora da estrada que conecta Ganade coa N-120

Dentro do proxecto de reforma integral impulsado pola Concellaría de Vías e Obras

Ponteareas | O Concello continúa co proxecto de reforma integral da estrada de Ganade, na parroquia de Areas, ata a súa conexión coa N-120 para “mellorar o servizo que esta infraestrutura presta á veciñanza, xa que se trata dun vieiro cun elevado nivel de uso”, como explica a edil responsable da Concellaría de Vías e Obras, Chus Garrote.

Tras os traballos realizados nun tramo inicial desta estrada, o Concello sacou a licitación as obras de mellora de pavimentación e mellora da capa de rodadura dun novo tramo de 805 metros. Despois da limpeza de marxes e da apertura de cunetas ao longo do vieiro, os traballos continuarán co barrido da superficie existente, a aplicación do rego de adherencia e, finalmente, coa pavimentación dunha superficie de 4.809 metros cadrados.

Ademais, as obras contemplan a mellora da drenaxe lonxitudinal coa construción de 339 metros de cunetas revestidas de formigón que conducirán a auga superficial aos sumidoiros existentes, evitando así o deterioro do firme.

O Concello xa sacou a licitación estas obras por un importe de 60.600 euros financiados ao 82,6% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) a través do Plan Marco 2021-202 da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e ao 17,4% por fondos propios municipais. O prazo de execución será dun mes.

A Concellaría de Vías e Obras xa está a traballar no seguinte paso deste proxecto de reforma integral da estrada, que incluirá a mellora de todo o vieiro ata a súa conexión coa N-120.

“É un proxecto no que levamos traballando tempo e que amosa a nosa firme aposta por ir mellorando paulatinamente os 400 quilómetros da nosa rede municipal de estradas, non só reparando vías e pistas asfaltadas, senón tamén pavimentando completamente aquelas pistas que nestes intres non se atopan en condicións óptimas”, salienta a concelleira Chus Garrote.

Vandalismo na Praza de Bugallal
Por outra banda, as obras da Praza de Bugallal sufriron importantes danos a madrugada deste luns 13 de setembro causados deliberadamente por varias persoas que verteron ao longo duns 50 metros do pavimento unha substancia de cor negra, con aparencia de aceite industrial. Os danos tamén afectaron a un caixeiro automático dunha entidade financeira.

O vertido da substancia de cor negra alcanzou os 50 metros.

Sobre as 04.30 horas da madrugada a Policía Local recibiu unha chamada alertando dos danos. Os bombeiros da localidade procederon esta mañá a recoller unha mostra do produto para a súa análise. Ademais, a Policía Local xa iniciou a súa investigación coa inspección ocular da zona e a localización de cámaras de seguridade de establecementos situados no lugar dos feitos e proximidades que puideron captar ás persoas responsábeis dos danos.

A Policía Local solicitou a colaboración cidadá e calquera información ou dato que se poida achegar relativo a movementos nesta madrugada de persoas ou vehículos na Praza de Bugallal, así como nas rúas Morales Hidalgo, Esperanza e Senén Canido, por onde puideron acceder e saír as persoas autoras dos desperfectos.

Nos vindeiros días avaliaranse os danos e as posibles solucións que permitan repoñer o pavimento ao seu estado anterior, así coma o seu custo.

Nos últimos meses producíronse varios actos dirixidos a causar danos en obras promovidas polo Concello de Ponteareas. Así, a comezos de ano, uns artefactos pirotécnicos provocaron un incendio na caldeira de biomasa instalada na rúa Vidales Tomé e, durante varios meses, producíronse roturas e subtraccións de sinais de tráfico, así como o seu pintado nas obras de humanización do complexo deportivo Álvaro Pino e Centro de Saúde.

Nestas mesmas obras tamén se causaron danos en numerosas plantas das zonas axardinadas mediante a utilización de produtos abrasivos.