Ponteareas reforza a área de Benestar Social con máis medios para apoiar ás familias vulnerabeis

O Concello ampliou o persoal na residencia de maiores e incorpora unha nova traballadora social

Ponteareas | O Concello de Ponteareas reforzou os servizos sociais municipais para atender a quen máis o necesita como consecuencia da crise sanitaria. Segundo informa a concelleira de Benestar Social, a nacionalista Verónica Carrera, o centro de reparto de alimentos municipal xa repartíu máis de 9.000 quilos de alimentos non perecedoiros entre as familias vulnerabeis. O reparto de alimentos faise durante todo o ano pero agora a demanda que atende o Concello incrementouse en máis do 50%.

O Centro de Reparto de Alimentos xa repartíu máis de 9.000 quilos de alimentos non perecedoiros durante o estado de alarma

Verónica Carrera explicou que se modificou a normativa de concesión de axudas de emerxencia social para poder atender novas situacións de necesidade provocadas pola crise sanitaria. Con ditas axudas o Concello atende necesidades das familias como gastos de aluguer de vivenda, de luz, calefacción, previa valoración polas traballadoras sociais de cada caso.

Ademais, Carrera informou da convocatoria dun proceso de selección para contratar unha nova traballadora social. Deste xeito o goberno local adiántase ao previsíbel incremento de solicitudes de axudas nos vindeiros meses e reforza o cadro de traballadoras sociais, que pasará de tres a catro. Ademais o goberno local reforzou o cadro de persoal da residencia de maiores coa contratación de dúas auxiliares de clínica e unha conserxe que se suman ao cadro habitual. 

A concelleira nacionalista explica que “desde o Concello a nosa prioridade é atender a quén máis o necesita nesta grave situación e para iso estamos facendo todos os esforzos necesarios. Con estas medidas pretendemos garantir que ninguén quede desasistido”. Carrera salientou que “todos estes esforzos estanse facendo con recursos económicos propios do Concello”.

Verónica Carrera fixo un recoñecemento especial ao labor que está a realizar todo o persoal dos servizos sociais coas persoas vulnerabeis e da residencia cos maiores dando unha atención imprescindíbel neste intre crítico.

Atención telefónica ou vía email
Nestas semanas, e como medida de contención do COVID-19, a atención non é presencial, senón vía correo electrónico ts@ponteareas.gal, tsocial@ponteareas.gal ou traballadorasocial@ponteareas.gal  e telefónicamente no 986641747. Os trámites presentaranse telemáticamente ou vía whatsapp ao 687209960 ou 687035523 (documentación requirida) situación que se manterá ata novo aviso, tendo en conta as condicións sanitarias e as decisións que tomen tanto o goberno do Estado como a Xunta de Galicia.