Ponteareas, recoñecida en Porto como exemplo de boas prácticas en mobilidade

Por parte do Instituto de Cidades e Vilas con Mobilidade de Portugal

Ponteareas | Este martes 6 de decembro, o Concello de Ponteareas participou como convidado nas Xornadas celebradas na cidade de Porto, organizadas polo Instituto de Cidades e Vilas con Mobilidade de Portugal para conmemorar os 25 anos da lei de accesibilidade no país luso.

O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, foi o encargado de expoñer a política de transformación do Concello e de recuperación do espazo público para as persoas, dentro do apartado das xornadas titulado “Boas prácticas internacionais”.

Na súa intervención, acompañada de numerosas imaxes das actuacións de reforma urbana executadas nos últimos anos, Mera salientou que o goberno local invertiu as prioridades colocando en primeiro lugar ás persoas e o seu dereito a desfrutar dun espazo público amplo, saudábel, sustentábel e atractivo.

O concelleiro repasou as accións levadas a cabo consistentes na creación de itinerarios peonís onde non existían, a súa ampliación alí onde eran excesivamente estreitos, a protección visual dos pasos de peóns, as peonalizacións nun total de 24 rúas e prazas e a redución do tráfico a motor innecesario, así como das emisións contaminantes e dos ruídos, xunto coa mellora na seguridade viaria mediante o estreitamento de carrís ou a eliminación de dobres sentidos de circulación.

Mera sinalou que con estas accións “conseguimos un espazo máis inclusivo, especialmente para as persoas máis vulnerábeis ou con necesidades especiais como as crianzas, as persoas maiores ou as persoas con discapacidade e comezamos a reequilibrar o reparto do espazo público en Ponteareas, onde até hai poucos anos o 80% se destinaba ao vehículo e tan só o 20% ás persoas”.

Trala súa intervención, a presidenta do Instituto de Cidades e Vilas con Mobilidade de Portugal, Paula Teles, salientou o que cualificou como “revolución”, facendo fincapé na “valentía” política do goberno local á hora de abordar un cambio de modelo de xeito integral, abranguendo amplas zonas do centro urbano e fuxindo de simples accións simbólicas, para devolver ás persoas o espazo público.  Teles afirmou que Ponteareas se está a sumar, coas súas políticas, á cidade Pontevedra como referente fóra de Galicia da nova mobilidade e da aposta por un novo modelo de cidades e vilas.