Ponteareas recibe fondos europeos para humanización da rúa Forno Telleiro

Por valor de 60.000 euros

Ponteareas | O Concello de Ponteareas continua obtendo fondos económicos doutras administracións para executar os numerosos proxectos redactados nos últimos anos.

Desta volta, o Concello conseguiu unha subvención de 60.000 financiada polo Ministerio de Sanidade, co apoio da FEMP, con cargo a fondos da Unión Europea, a través do instrumento Next Generation EU,  no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) para financiar ao 100% o custo de humanización da rúa Forno Telleiro, situada a carón do Parque Ferro Ucha e que une a rúa Trobador Xoán García coa rúa Nardos.

O Goberno municipal licitou nos pasados días esta obra e as empresas interesadas en presentar as súas ofertas poderán facelo até o día 13 de febreiro.

A actuación consiste en recuperar o que até agora é un camiño asfaltado e sen beirarrúas, para transformalo nunha vía peonil unida ao Parque Ferro Ucha e convertelo nunha nova variante do camiño escolar cuxas obras se están executando na rúa Trobador, facilitando así a mobilidade do alumnado que se dirixe cara os IES Val do Tea e Pedra de Auga.

Ademais, esta humanización permitirá unir o paseo peonil ao parque retirando o seu peche actual, realzando así as condicións do parque público no seu perímetro e mellorando a accesibilidade. As obras inclúen o pavimentado en plataforma única de todo o vieiro, iluminación e aparcabicis.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “esta actuación demostra unha vez máis a capacidade do goberno municipal para xestionar e lograr recursos económicos doutras administracións como a Unión Europea que avala e apoia os nosos proxectos financiándoos ao 100%”.

Cristina Fernández lembrou que “esta humanización súmase a un total de nove realizadas neste mandato” en referencia á Praza de Bugallal, rúa Redondela, Praza Dr. Fernández Vega, Rúa San Roque, Complexo Deportivo Álvaro Pino e Centro de Saúde.

Tamén o segundo tramo do Paseo Matutino, a rúa Trobador Xoán García, boa parte da rúa Nardos e a rúa Curuxeira cuxas obras comezarán en breve. “Nunca se fixo tanto en tan pouco tempo na nosa vila”, concluíu a alcaldesa.