Ponteareas realizará consulta popular sobre Monarquía ou República

O vindeiro 14 de maio na Praza do Bugallal

Ponteareas | O vindeiro 14 de maio realizarase en toda España unha consulta popular para elixir entre a continuación da monarquía ou cambiar a un Estado republicano. Como non pode ser de outra maneira, a consulta non terá carácter vinculante. Trátase dunha votación simbólica que, ao mesmo tempo, serve para poñer enriba da mesa a realidade de que o modelo monárquico non é o único posible.

A maioría da poboación actual non tivo a oportunidade de votar a Constitución de 1978 e, polo tanto, non puido pronunciarse en ningunha ocasión sobre o modelo de Estado. O que é máis, quen si tivo a oportunidade de votar aquela Constitución tivo que elixir entre ditadura ou o modelo de monarquía parlamentaria, de xeito que en realidade se furtou á cidadanía a posibilidade de elixir un modelo republicano. Estamos pois, claramente ante unha monarquía imposta polas forzas do anterior réxime.

De acordo con isto, diversas organizacións de todo o Estado, agrupadas na “Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República” impulsaron este acto democrático de participación cidadá no que simbolicamente a cidadanía poderá elixir a opción da súa preferencia.

En Ponteareas tamén participaremos nesta consulta popular o 14 de maio. A mesa de votación estará instalada entre as 10h e as 15h na Praza Bugallal á altura da Rúa Esperanza.