Ponteareas promoverá a reciclaxe e reutilización do lixo electrónico

A concellaría de Medio Ambiente informa que se disporá dun espazo específico no punto limpo para o tratamento destes residuos

Ponteareas | A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, informa que Ponteareas será un dos once concellos da provincia que participará na campaña da Deputación de Pontevedra de reciclaxe e reutilización do lixo electrónico.

Esta pioneira iniciativa nace co obxectivo de impulsar a economía circular e frear o grave impacto que están a producir os Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), tamén coñecidos como o “lixo electrónico”, así o comunicou onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, no acto de presentación no que estivo acompañada dos representantes dos 11 concellos que se van beneficiar directamente desta nova e singular iniciativa medioambiental.

Un tótem informativo ensinará a xestionar os residuos electrónicos

“Para poder conservar o noso patrimonio natural debemos comezar a traballar cos verquidos incontrolados de todo tipo de residuos, incluíndo os Residuos Tóxicos e Perigosos. Dentro deste tipo dos RTP atopámonos cos residuos eléctricos e electrónicos (incluídos neste proxecto). Para facer unha boa xestión debemos concienciar á xente sobre a Reducción, Reutilización, Reciclado ou Valorizado dos residuos”, explicou Rosa Covelo na súa intervención.

A concelleira de Medio Ambiente engade que “a adhesión a este proxecto é unha boa ferramenta para seguir cumprindo estas máximas e darlle aos cidadáns alternativas para desfacerse dun produto que xa non usan” e adianta que se colocará un tótem nun lugar accesible para todas as persoas que queiran participar dun hábitat máis saudábel.

Deste xeito o Concello de Ponteareas, ademais de contar cun espazo específico para estes residuos no seu punto limpo, vai dispoñer tamén dun tótem informativo que ensinará a xestionar os residuos eléctricos e electrónicos e así poder darlles unha solución. Ademais para axilizar o depósito dos dispositivos máis usuais (con independencia de que poden entregarse tamén no punto limpo) colocaranse tres caixas de recollida destinadas especificamente aos teléfonos móbiles e “tablets” por un lado, as pilas polo outro e, finalmente, os cargadores. O resto dos RAEE (todo tipo de aparellos domésticos que funcionen con corrente, como electrodomésticos, dispensadores de aire acondicionado, impresoras, aspiradoras, pranchas, secadores de pelo, etcétera) deben entregarse directamente no punto limpo, ou ben solicitar a súa recollida por parte das empresas concesionarias. A campaña tamén facilita estas xestións ofrecendo os teléfonos de contacto e os horarios. As persoas que queiran participar na campaña e se acheguen para informarse recibirán como agasallo unha bolsa de tea que contén un chaveiro cargador, libreta e bolígrafo coa imaxe do proxecto Estraee.