Ponteareas pecha a súa sexta edición da Feira do Libro

Con éxito de asistencia de público

Ponteareas | A Feira do Libro de Ponteareas baixou este domingo o pano da súa sexta edición cun grande éxito de público, un alto número de participantes que deixou a un lado a intensa calor para gozar de catro días de intensa literatura na Praza Maior.

Concello e librarías fan un balance moi positivo desta nova cita cun programa con máis de 40 actividades, presentacións e sinaturas para todos os públicos que fixo “que este ano tiveramos unha maior afluencia de xente que o ano anterior. Despois de dous anos de pandemia, o público tiña moitas gañas de gozar da Feira do Libro con normalidade”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

As librarías tamén destacan a grande afluencia de público, especialmente durante as dúas primeiras xornadas da feira e no acto inaugural, no que a docente e amante das letras Esmeralda Quiroga estivo arroupada por numeroso público, ante o que leu un emotivo pregón no que deixou patente a súa paixón pola literatura.

A intensa programación destes catro días de Feira do Libro de Ponteareas pechaba as súas portas por todo o alto este domingo co recital poético de Versos de Area, un grupo de poetisas e poetas que nace a partir do curso de escrita creativa impartido polo Concello dende finais de 2016 e que traballan na difusión da obra de creadores e creadoras de Ponteareas e de toda Galicia que non teñen acceso ás grandes canles de difusión. Este grupo está aberto a calquera persoa que goce da arte literaria.

Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Escritores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira ofertou máis de 15 presentacións, 24 sinaturas de libros e un amplo programa de animación e actividades dirixidas a todos os públicos. Deste xeito, foron moitos os cativos e cativas que participaron no obradoiro de creación libre a cargo de Miudiño e no de banda deseñada impartido por Fon e moito o público que desfrutou coa información, a lectura, a música e o baile co espectáculo ‘Extra!’, de Paco Nogueiras.

Por outra banda, como é habitual, durante a Feira do Libro a concellaría de Cultura e Lingua puxo en marcha unha nova edición do concurso ‘Remata o conto’, un certame de gran tradición en Ponteareas co que se aposta pola literatura e a lingua galega e polo comercio local premiando ás persoas gañadoras con vales de 100 e 75 euros para investir en establecementos do municipio.