Ponteareas organizará Festival internacional de folclore

O próximo 1º de agosto con música caboverdiana, mexicana e galega

Ponteareas | Os ritmos internacionais volverán a resoar en Ponteareas como cada verán dende 2015. O próximo domingo día 1 de agosto ás 22.00 horas o parque da Feira Vella acollerá a 7ª edición do festival “Algazara Danzando entre Culturas”, que organiza a Agrupación Folklórica Algazara xunto a concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas.

A entrada ao festival será libre ata encher aforo. Para poder asistir será necesario reservar entradas de maneira online como indicaron a alcaldesa Cristina Fernández Davila e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, na presentación do evento xunto aos integrantes da Agrupación Folklórica Algazara.

A pandemia, tal e como pasou na pasada edición, complicou moito a presencia de grupos internacionais. Por iso, dende o festival, “apostouse por agrupacións de ritmos estranxeiros, pero afincadas en Galicia”, como sinalou o edil de Cultura. África estará representada polo grupo de orixe caboverdiana Batuko Tabanka, e México polo grupo Mariachi Vigo. As súas actuacións darán color a unha noite no que a música galega tamén estará presente nas notas da Agrupación Folklórica Algazara.

Batuko Tabanka está integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense. Dende a súa fundación ten o obxectivo de dignificar a cultura de Cabo Verde, e lembrar a súa orixe africana en todos os expoñentes culturais posíbeis. Na súa música destaca o batuko, un pano pregado colocado entre as pernas e que funciona como instrumento de percusión, e as súas mensaxes de respecto, e diálogo coas migracións.

Mariachi Vigo é unha agrupación afincada en Galicia e formada por profesionais latinoamericanos con máis de 20 anos de experiencia na música. No seu amplo repertorio hai dende boleros, a polkas, pasando por pasodobres, rancheiras, serenatas… E por suposto, non faltan as pezas máis tradicionais de México.

A Agrupación Folklórica Algaraza é un grupo xa histórico en Ponteareas. Xurdiu a finais do ano 1997, cando un grupo de amigos uniuse para formar unha asociación que recuperara e difundise o folclore tradicional de Galicia e, en concreto, da zona de O Condado.

Nos seus 24 anos de historia participaron en numerosos festivais por toda a Península Ibérica. Ademais do Festival Internacional Algazara Danzando entre Culturas tamén organizan o Festival Algazara que cada outono achega a Ponteareas grupos de folclore nacional.

Reserva de entradas: https://www.eventbrite.es/e/entradas-festival-internacional-algazara-danzando-entre-culturas-164459618145