Ponteareas mellora a eficiencia enerxética nas EDAR de Prado, Padróns e A Freixa

Poñendo fin ás dificultades detectadas dende a súa construción en 2010

Ponteareas | Ponteareas continúa apostando pola innovación e a sustentabilidade no eido enerxético. O Concello vén de completar as obras de mellora da eficiencia enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais de Prado, Padróns e A Freixa coa instalación de equipos e sistemas que permiten axeitar a demanda enerxética ás necesidades de depuración de cada unha destas tres EDAR.

A alcaldesa, Cristina Fernéndez Davila, e a concelleira de Infraestruturas, Lola Covelo, visitaron as estacións para ver o resultado destas actuacións, que se complementaron coa colocación de equipos de desbaste automáticos que mellorarán a eliminación de sólidos das augas, o que suporá á súa vez unha redución do gasto enerxético e unha mellor calidade das augas.

A rexedora asegurou que as obras cumpren un dobre obxectivo, xa que “por unha banda melloramos os servizos dos que goza a veciñanza e ao mesmo tempo acadamos unha vila máis sustentábel”. O goberno local lembra tamén que as actuacións levadas a cabo aseguran o óptimo funcionamento das tres estacións ata que se complete a renovación da depuradora da Moscadeira e poñen fin ás dificultades detectadas nestas tres EDAR dende a súa construción no ano 2010.

O proxecto contou cun orzamento de case 119.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica, e polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

Outros artigos