Ponteareas inaugura a nova escola infantil no parque Ferro Ucha

A construción, de 2.000 m2, acollerá a 84 menores de 0 a 3 anos

Ponteareas | A nova escola infantil municipal de Ponteareas foi inaugurada esta mañá facendo realidade un proxecto moi demandado pola cidadanía de Ponteareas e que dota ao municipio dun novo servizo público para os nenos e nenas de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos de idade.

O acto estivo protagonizado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; a concelleira delegada de Urbanismo, Silvia Fernández, e a edila de Servizos sociais, Raquel Plana, que estiveron acompañados na visita ao centro polos membros do grupo de goberno, a dirección da nova escola e os responsables técnicos do proxecto.

Esta nova escola infantil é de xestión municipal e conta con case 100 prazas para menores de entre 0 e 3 anos, que xa gozan das vantaxes da nova edificación no seu día a día. O proxecto de construción foi financiado a tres bandas pola administración autonómica, que aportou 570.193,75 euros; polo goberno provincial, que achegou 489.572,65 euros e polo Concello de Ponteareas, que investiu 300.000 euros, ata facer un total acumulado de 1.359.766,40 euros.

Nava Castro agradeceu o compromiso dos gobernos provincial e autonómico e puxo este caso de exemplo de cooperación institucional: “Foi un traballo conxunto e unha boa mostra do que se pode facer cando distintos gobernos traballan polo ben común da cidadanía e cooperan para que saia adiante”. A alcaldesa engadiu na súa intervención que “Ponteareas conta desde hoxe cun servicio da máxima calidade, cun edificio que é referente en modernidade, comodidade, accesibilidade e eficiencia na nosa vila, e que ofrece ás familias unha ferramenta de conciliación que non ten igual”. Por último, quixo poñer en valor que “este novo servizo supón ademais unha nova razón de peso para que as familias veñan a vivir a este concello e para que poidan ofrecerlle aos seus fillos e fillas un lugar onde estar cómodos e onde sentirse seguros e atendidos”.

A parcela que ocupa este edificio de planta baixa, sen barreiras arquitectónicas, ocupa unha superficie de 2.000 metros cadrados e está integrada nunha ampla zona verde, a do parque Ferro Ucha. A nova instalación está dotada de seis aulas, unha sala de usos múltiples, espazo para lavandería, cociña, almacén, despachos para as persoas coidadoras e vestiario. Ademais, os nenos e nenas menores de 2 anos dispoñen de áreas diferenciadas para o descanso e a hixiene e a construción conta cun patio interior accesible desde o edificio. O goberno local de Ponteareas aprobou este mesmo ano un regulamento que adiantou os prazos de reserva de prazas e matriculación do alumnado para equiparar o calendario ao das demais escolas infantís da comarca, o que facilita a organización e a conciliación das familias.

O presidente da Deputación de Pontevedra confesou que “é moi gratificante e un orgullo estar aquí porque é cando ves que os proxectos pasan do papel á realidade. O desta escola infantil é un proxecto estratéxico, que mellora a calidade de vida e a conciliación. Quero agradecer a labor da alcaldesa, que está facendo que Ponteareas volva á senda da boa xestión e do progreso. Estou seguro de que esta instalación vai marcar un antes un despois para as familias de Ponteareas”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia salientou o “esforzo do goberno ponteareán por seguir modernizando unha vila que sempre o foi. O de Ponteareas é un gran exemplo do que estamos a facer en moitos lugares de Galicia grazas ao esforzo conxunto das administracións”. Ademais, Rueda deu as grazas a “todo o persoal que fixo posible que esta escola xa sexa unha realidade. Ogallá que pronto quede pequena porque significará que Ponteareas segue crecendo. A desfrutar desta nova escola!”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.