Ponteareas implanta unha nova regulación do aparcadoiro da Praza de Abastos para facilitar as compras aos seus clientes

Ponteareas | A concellaría de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, conxuntamente coa de Promoción Económica, da que é responsábel a concelleira Eva María Gil, puxeron en marcha unha nova regulación do aparcadoiro exclusivo da Praza de Abastos tras deseñala conxuntamente coa asociación de praceiros e praceiras.

Segundo os edís nacionalistas, coas novas normas que rexen desde hoxe no estacionamento “asegurarase que este cumpra o seu cometido, que é facilitar e promocionar o consumo no Mercado Municipal” que conta actualmente cuns trinta postos de venda activos.

O horario de funcionamento do aparcadoiro da Praza de Abastos é de 9:00 a 15:30 horas. Nesa marxe horaria, poderase empregar o estacionamento durante un máximo de hora e media. Para iso é necesario retirar o correspondente billete no parquímetro situado na entrada do aparcadoiro. O billete consta de dúas partes que se deben cortar: unha debe colocarse no interior do vehículo en lugar visíbel mentres a outra será empregada polo cliente como resgardo do seu estacionamento. Para poder abandonar o aparcadoiro antes de esgotar a hora e media, o cliente deberá realizar un gasto total mínimo de 10 euros na Praza de Abastos e canxear o seu resgardo pola ficha que permite sair do aparcadoiro. Para realizar o canxe os clientes poden acudir a tres establecementos diferentes situados no interior da Praza de Abastos, autorizados para a entrega de fichas. No caso de incumprir estas normas de uso do aparcadoiro a sanción a impoñer é de 30 euros.

O aparcadoiro situado a carón do Mercado Municipal conta con 14 prazas, que ao rotar como mínimo cada hora e media, supón a dispoñibilidade de alomenos 56 prazas de estacionamento para os seus clientes ao longo da mañá. Aínda así, as concellarías de Mobilidade e Tráfico e de Promoción Económica prevén habilitar nas vindeiras semanas outro aparcadoiro de 7 prazas máis noutro espazo adxacente á Praza de Abastos.

En opinión de Mera e Gil, “o novo sistema supón gañar en eficacia no funcionamento do aparcadoiro, evitar usos fraudulentos que se viñan detectando e asegurar que o estacionamento serva para incrementar o consumo na Praza de Abastos, facilitando as súas compras ás persoas que apostan polo mercado local e de proximidade”.

Por outra banda, ambas as dúas concellarías, recolocaron os postos de venda de plantas, da coñecida como “A Carreira”, na nova praza acondicionada entre o Mercado Municipal e o Auditorio. Até agora eses vendedores e vendedoras compartían cos vehículos o aparcadoiro. “Deste xeito, dignificamos o labor destes produtores locais, instalándoos nun espazo humanizado e melloramos a seguridade no aparcadoiro”, sinalaron Roberto Mera e Eva María Gil.