Ponteareas fai inventariado de titularidade municipal

Sobre bens públicos como camiños, parques e xardíns

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, mantivo este martes un encontro cos portavoces municipais para presentarlles o borrador do novo inventario de camiños, parques e xardíns de titularidade municipal, un documento que actualiza a relación de bens municipais coa que conta actualmente o Concello, que data de 1958.

“Era unha necesidade urxente contar cun rexistro real dos espazos e dos bens inmobles municipais para ter un maior control e seguimento sobre eles e unha organización dos investimentos adaptados á realidade”, salientou a rexedora.

Cun custe de 52.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, o proxecto permitiu catalogar os bens e espazos de titularidade municipal despois de varios meses nos que se levaron a cabo os traballos de investigación, identificación, comprobación, revisión, actualización e ordenación dos bens a incluír neste Inventario Municipal de Vías Públicas do Inventario de Bens do Concello de Ponteareas.

Este inventario foi presentado ademais ante a veciñanza en todas as parroquias para contrastar o documento cos usos habituais en cada unha delas.

Por outro lado, o traballo de recompilación completouse coa creación dun proxecto SIX para a súa inclusión nunha ferramenta informática que permita unha correcta xestión de todos os espazos e bens e que contén cartografía catastral, fotografías de cada camiño e vías municipais, parques e xardíns inventariados, entre outros aspectos.

O inventario municipal será levado a pleno para a súa aprobación provisional, tras a que se abrirá un período de exposición pública antes da aprobación definitiva.