Ponteareas esterilizará as súas 17 colonias felinas

Prioridade á intervención nos espazos con máis queixas da veciñanza

Ponteareas | O Concello de Ponteareas, a través da concellaría de Medio Ambiente que dirixe Rosa Covelo Alonso, comezou a esterilización das 17 colonias felinas que hai na vila. Nestas semanas xa hai dúas completamente tratadas, e xa se comezou a capturar aos gatos dunha terceira.

“Priorizamos as intervencións nos espazos que acumulan máis queixas da veciñanza, sexa por problemas sanitarios, ruídos, alimentación…”, explica a edil.

O Concello, en colaboración coa Asociación Biosbardos, está a aplicar a estratexia C.E.S (Capturar-Esterilizar-Soltar), que supón atrapar a maior cantidade de gatos da colonia, tanto machos como femias, para, posteriormente, esterilízalos.

Unha vez pasadas 48 horas de recuperación, sóltanse na súa colonia cun marcador que facilita a súa posterior identificación e control. Este método é o recomendado pola Organización Mundial da Saúde para evitar a proliferación dos felinos.

Rosa Covelo destaca que a estratexia que están a seguir no Concello é a máis eficiente na optimización e inversión de recursos, facilita a xestión da adopción dos felinos, diminúe o gasto público e privado no control de pragas, xa que espantan outros animais coma as ratas.

Tamén mellora o benestar social, tanto animal como humano, prevén os brotes de enfermidades, mantén boas condicións de hixiene nas colonias, e, por suposto, reduce en gran medida a poboación de felinos de maneira sostible e ética co seu benestar.

Ademais da esterilización, o Concello tamén está a acometer a limpeza das colonias.

“Queremos facer de Ponteareas un lugar sostible no que os animais que nos rodean e as persoas podan convivir en harmonía”, conclúe a concelleira.