“Ponteareas en Común” será a marca electoral de Esquerda Unida e Podemos

Para as eleccións municipais do 28 de maio

Ponteareas/Esquerda Unida/Podemos | Ponteareas en común, o novo nome baixo o que se presenta a coalición de Esquerda Unida e Podemos ás eleccións de maio coa intención de obter representación e loitar pola capacidade de decisión e influír na política municipal dos vindeiros catro anos, sempre dende unha óptica social e de igualdade.

Manoel Ucha, candidato á alcaldía, destaca que “Estamos a construír un espazo amplo na esquerda municipalista que coloca a vida e os coidados no centro e que vive ilusionada por converter a Ponteareas nunha vila que non deixa a ninguén atrás. Saímos ás eleccións municipais coa intención clara de entrar con forza no pleno municipal. Coa ilusión da xente do común”.

O lanzamento desta marca de partido, deixa clara a intención das forzas que a compoñen de traballar por obxectivos comúns, baixo un paraugas único, máis forte que nunca. Ábrese desta forma unha nova etapa para ambas organizacións dende unha fronte unida.

Ponteareas en común non soamente é novidade en canto nome, tamén ten unha nova imaxe que represente a ambos partidos. Esta nova marca verá a luz de xeito oficial na presentación da candidatura para o 1 de abril ás 19h na Sala Multiusos do Auditorio. Patricia Pardo, número 2 da lista electoral, informa que “a candidatura estará formada por militantes de Esquerda Unida, Podemos e independentes, chea de persoas comprometidas coa xustiza social e que levan anos traballando na mellora de Ponteareas. O noso espazo político vén coa disposición de seguir medrando con persoas procedentes do tecido asociativo, dos movementos sociais e de todas as loitas xustas”.

O realmente importante desta nova marca é a ideoloxía e o programa que ten detrás. A presentación deste programa será o vindeiro 14 de abril cun acto onde se explicará o resultado final dos acordos chegados nas cinco asembleas abertas que foron celebrándose desde o mes de xaneiro.  A posta en marcha dunha comunidade enerxética coa participación activa das zonas rurais, remunicipalizar a xestión da auga e outros servizos esenciais coa creación dunha empresa pública, dotar aos Servizos Sociais de novas figuras profesionais, crear un parque de vivenda pública e un punto limpo móbil que dea servizo de calidade ás parroquias son unha pequena mostra das propostas que serán detalladas nese acto.

Baixo esta nova perspectiva, e cun programa renovado e participativo, Ponteareas en común chega ao panorama político da vila para ser a ilusión do cambio, e dar á cidadanía da vila unha alternativa real de esquerdas que faga as cousas de xeito diferente á política tradicional do actual goberno.