‘Ponteareas en común’ presentará o seu programa de goberno

O vindeiro sábado 15 de abril no Centro Cultural de Angoares

Ponteareas/Ponteareas en común | A candidatura, encabezada por Manoel Ucha e Patricia Pardo, está formada por persoas procedentes dos movementos sociais, apostando deste xeito por conectar o traballo social de base coas institucións, algo fundamental no traballo cotiá deste espazo político.

Ponteareas en común presenta unha candidatura formada por perfís moi diferentes cunha dilatada traxectoria de servizo público dende as institucións e as organizacións e movementos sociais, co propósito común de traballar pola mellora das condicións de vida das persoas e o coidado do entorno. Este espazo político pulará pola recuperación dos servizos públicos privatizados, como a xestión da auga,  a democratización da xestión municipal e a aposta pola igualdade real entre mulleres e homes colocando a vida e os coidados no centro.

Ponteareas en común traballou na elaboración do programa de goberno desde novembro. O proceso realizouse de forma participativa e aberta e contou coa colaboración de numerosos veciños e veciñas que asistiron ás cinco xuntanzas programáticas que se realizaron. Manoel Ucha, destaca que “A participación é fundamental en democracia.

Ponteareas en común e as persoas que formamos o espazo político entendemos a escoita e o debate como a mellor das formas de facer política. Temos a certeza de que o vindeiro 28 de maio imos construír un pobo máis digno, co obxectivo de colocar a vida e os coidados no centro, e de contar con toda a cidadanía, desde as persoas máis mozas ata as persoas maiores, para non deixar a ninguén atrás”.

Entre as propostas que aparecen no programa de goberno e que serán explicadas en detalle o sábado a partir das 19h no Centro Cultural de Angoares atopamos o compromiso por gobernar para a xente dende a escoita e a participación activa da cidadanía con canles oficiais e sinxelos, a creación de Comunidades Enerxéticas para loitar contra a crise enerxética, apostar por modelos de humanización máis ecolóxicos e participativos, naturalizar o casco urbano, iniciar unha política municipal de vivenda para afrontar a crise habitacional, dotar a Ponteareas dun programa integral de mobilidade.

En materia de saúde e saúde mental formulan dotar a Ponteareas da figura de psicoloxía, enfermería escolar, realizar campañas xuvenís de prevención do suicidio e xestión de emocións  e crear un servizo de odontoloxía pública municipal. Ponteareas en común aposta por un programa de goberno de esquerdas e realista coas demandas e necesidades que a cidadanía traslada. Patricia Pardo, número 2 da candidatura, adianta que “Este programa, que foi construído entre moitas persoas, é o noso compromiso coa cidadanía e aporta a garantía de que este espazo político aporta certezas para mellorar a vida da veciñanza de Ponteareas”.