“Ponteareas en común” presenta a súa candidatura este 1 de abril

Con Manoel Ucha e Patricia Pardo encabezando a súa lista electoral

Ponteareas/Ponteareas en Común | A candidatura, encabezada por Manoel Ucha e Patricia Pardo, está formada por persoas procedentes dos movementos sociais, apostando deste xeito por conectar o traballo social de base coas institucións, algo fundamental no traballo cotiá deste espazo político.

Ambas organizacións presentan unha candidatura formada por perfís moi diferentes, pero co propósito común de traballar pola mellora das condicións de vida das persoas e o coidado do entorno. Este espazo político pulará pola recuperación dos servizos públicos privatizados, como a xestión da auga,  a democratización da xestión municipal e a aposta pola igualdade real entre mulleres e homes colocando a vida e os coidados no centro.

Tras Manoel Ucha e Patricia Pardo, a lista segue con Pilar Ferreiro, Lino Costas, Jonathan Martínez e Melca Ruiz. No posto número 7, aparece Anxo Saborido, licenciado en dereito pola UVigo.

O que foi presidente do grupo ecoloxista Adenco entre os anos 2000 e 2022 e actualmente secretario da Federación Galega de Montañismo, súmase ao espazo de Ponteareas en común convencido de que a suma desde a esquerda municipalista é clave para cambiar as prácticas actuais do goberno local. O número 8 estará ocupado por Vanesa Martínez, educadora social e traballadora do sector da xestión de residuos, ten unha ampla traxectoria como activista nos movementos sociais que loitan contra a exclusión social, a pobreza e en favor da vivenda digna.

Ponteareas en común presenta o vindeiro sábado 1 de abril ás 19h na sala multiusos do auditorio Reveriano Soutullo unha candidatura comprometida cos dereitos dos e das traballadoras, que vai colocar todo o seu talento, experiencia e traballo na construción dunha vila que non deixe a ninguén atrás. O 15 de abril, tamén ás 19h, presentará o seu programa de goberno na Casa Cultural de Angoares, nun acto que debuxará as liñas políticas acordadas durante meses nas xuntanzas programáticas.

Manoel Ucha, adianta que “O sábado imos presentar a lista completa, que está chea de persoas que defenderán as ideas de xustiza social que representa este espazo político. Contar con perfís independentes como Pilar Ferreiro, Anxo Saborido, Vanesa Martínez, Mario Lago, Lucía Cantalapiedra, Anxo Giráldez, Saínza González ou Mateo Gómez é mostra de que este espazo político vén coa idea de ter un resultado importante o vindeiro 28 de maio co único obxectivo de comenzar a traballar para facer políticas de esquerdas para construír unha Ponteareas chea de dignidade a partir do día 29”.