Ponteareas en Común da pistoletazo á campaña electoral

Apunta a "entrar con forza" na política da vila

Ponteareas/Ponteareas en común | A candidatura, encabezada por Manoel Ucha e Patricia Pardo, está formada por persoas procedentes dos movementos sociais, apostando deste xeito por conectar o traballo social de base coas institucións municipais.

Ponteareas en común presenta unha candidatura formada por perfís moi diferentes cunha dilatada traxectoria de servizo público dende as institucións e as organizacións e movementos sociais, co propósito común de traballar pola mellora das condicións de vida das persoas e o coidado do entorno. Este espazo político pulará pola recuperación dos servizos públicos privatizados, como a xestión da auga,  a democratización da xestión municipal e a aposta pola igualdade real entre mulleres e homes colocando a vida e os coidados no centro.

Ponteareas en común traballou na elaboración do programa de goberno desde novembro. O proceso realizouse de forma participativa e aberta e contou coa colaboración de numerosos veciños e veciñas externos o partido que asistiron ás cinco xuntanzas programáticas que se realizaron. Manoel Ucha, destaca que “A participación é fundamental en democracia.  As persoas de Ponteareas en común entendemos a escoita e o debate como a mellor das formas de facer política. Temos a certeza de que o vindeiro 28 de maio imos construír un pobo máis digno, co obxectivo de colocar a vida e os coidados no centro, e de contar con toda a cidadanía, desde as persoas máis mozas ata as persoas maiores, para non deixar a ninguén atrás”.

O espazo político aposta por un programa de goberno de esquerdas realista coas demandas e necesidades que a cidadanía traslada. Patricia Pardo, número 2 da candidatura, indica que “Ponteareas en común é garantía de compromiso coa veciñanza e coas ideas de xustiza social. Levamos anos traballando na mellora da vila de xeito constante co noso compromiso social e político. O noso programa de goberno, construído entre moitas persoas e de xeito público, é unha garantía con certezas para mellorar a vida da veciñanza de Ponteareas”.