Ponteareas e Eixo Atlántico mellorarán os servizos para a veciñanza

Tanto no municipio como na Comarca do Condado/Paradanta

Ponteareas | O Concello de Ponteareas e o Eixo Atlántico continúan traballando man a man para seguir mellorando non só o municipio, senón a comarca do Condado-Paradanta.

Dende a súa integración no Eixo Atlántico a vila do Tea amosouse como un municipio moi dinámico, chegando a converterse a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, na presidenta do Grupo de Sustentabilidade Urbana da entidade transfronteiriza.

A rexedora mantivo hoxe un encontro co Secretario Xeral, Xoán Vázquez Mao, e parte da directiva para iniciar unha nova liña de traballo na que se estudarán os posíbeis déficits existentes en diferentes áreas para mellorar os servizos á veciñanza. O obxectivo é analizar a situación na que se atopan servizos como o saneamento, a mobilidade, o acceso a outras administración, a educación ou a sanidade para establecer medidas que permitan solucionar as eivas atopadas.

En función dos resultados acadados con esta análise, Concello e Eixo Atlántico estudarán tamén a mobilidade interna ou a conexión con outras cidades de referencia de Galicia e Portugal. Este traballo é o primeiro dunha liña que se abre e que, nos vindeiros anos, aplicarase no resto dos servizos aos que ten acceso a veciñanza en Galicia, aproveitando a experiencia e o coñecemento de Portugal, país no que todas estas cuestións están moi ben resoltas a través da participación das Comunidades Intermunicipais.