Ponteareas dinámica, activa, emprendedora.

Vanesa Fernández Soage

Vivimos nunha vila xove, con ganas de medrar e con maioría de mulleres (segundo datos de 2020, 700 mulleres máis ca homes). A poboación entre 18 e 65 anos en Ponteareas representa ao 64,9%. E a poboación menor de 18 anos representa ao 17,9%.

A data de novembro de 2021 tiñamos 3.164 afiliados á Seguridade Social no réxime xeral e 1.666 no réxime de autónomos. É dicir, somos unha vila con futuro, no que o comercio local e a hostalaría representan unha parte moi importante da nosa economía e somos unha vila na que as mulleres temos moito que dicir.

O pasado xoves asistimos a unha manipulación torticeira e adulterada da realidade do noso pobo; orquestrada polo Partido Popular e seguida, como can que segue fielmente ao amo, por ACIP, onde tentaron difundir e disuadir á xente de mercar en Ponteareas. Porque dende logo con campañas de nadal onde pregoas que o comercio morre ou o matan escusas facer ningunha campaña de nadal. É unha mágoa que o PP non amose o mesmo ímpeto nas manifestacións pola defensa da sanidade onde nin asoman sequera a cabeza. Manifestacións, por certo, celebradas algunhas delas na nosa vila.

“O pasado xoves asistimos a unha manipulación torticeira e adulterada da realidade do noso pobo; orquestrada polo Partido Popular e seguida, como can que segue fielmente ao amo, por ACIP”

En toda a lexislatura, a edil do PP que ostenta a vicepresidencia da asociación minoritaria de comerciantes Tea, non presentou nin unha soa proposta para o comercio de Ponteareas. Non temos constancia que pedise unha soa reunión co goberno para propoñer accións conxuntas en favor da nosa vila. Actitude esta que non resulta extraña xa que cando, supostamente, a túa adicación é repartir para grandes compañías que van en detrimento do comercio local non cabe esperar outra cousa.

E non podemos esquecer que o PP recibe un soldo do Concello por realizar a súa labor na oposición. E o mesmiño ocorre con ACIP; tamén recibe unha adicación do concello pero non se lles ve traballo ningún en favor do noso pobo.

A concentración, convocada por unha asociación minoritaria de comerciantes que ten como parte visible e dirixindo a mesma a unha edil do PP que nin sequera ten comercio físico na nosa vila, pretendía amosar unha política en contra das humanizacións, das peonalizacións, das obras de remodelación do noso pobo, en definitiva, do avance cara unha vila fermosa, habitable e propia do século XXI.

Esta situación non é nova. Cando na anterior lexislatura tomei a determinación de impedir que os vehículos puidesen transitar pola Praza Maior a resposta foi pancartas por todo o pobo e plenos onde se faltaba ao respecto da institución. Hoxe temos unha Praza Maior libre de tránsito rodado e ocupada polas persoas.

“Non pretendo restar importancia nin desconsiderar a concentración do pasado xoves na porta do Concello”

Non pretendo restar importancia nin desconsiderar a concentración do pasado xoves na porta do Concello. As persoas gozamos de liberdade para amosar o noso parecer. Pero non é menos certo que toda esta situación require unha análise tranquila, sosegada e realista da situación actual. As obras molestan sempre, aquí e en calquera parte do país, pero o seu beneficio compensa a longo prazo as molestias xeradas.

Cando o PSOE chegou ao goberno de Ponteareas en 2015 o comercio estaba dividido, abandonado a súa sorte por unha política inexistente do PP. O proxecto socialista era a unión do comercio e a hostalaría para poder medrar todos xuntos. Así naceu Banastra, impulsada pola concelleira socialista Inés Vidal, a Federación de Comercio, hostalaría e servizos que aglutina a todo o tecido comercial e hostaleiro a excepción da asociación co dirixida pola edil do PP.

Esta Federación que centra os seus esforzos en impulsar a actividade comercial, empresarial, gastronómica e turística sabe da importancia de fomentar o comercio e atraer a toda a comarca á nosa vila. O PSOE apoiou e sempre apoiará todas as iniciativas que sexan construtivas, que busquen o crecemento do noso pobo para que Ponteareas siga sendo o referente da comarca.

Ponteareas precisa actuacións que leven ao crecemento da vila, sobre todo no intre actual e nos vindeiros anos para saír todos xuntos da crise social e económica que provocou a pandemia.

Unha actuación que temos que definir nestes días é a ubicación do novo centro de saúde. Así, como xa manifestamos publicamente, temos ante nós a oportunidade de acercar o centro de saúde ao centro do pobo, o que propiciará o dinamismo comercial.

Esta é a nosa aposta. Unha aposta pola ubicación do centro de saúde nos terreos de Aceiros de Galicia ou Granitos, de xeito que as preto de 1000 persoas diarias que frecuentan o centro de saúde poidan facilmente mercar, ir ao banco, tomar un café ou pasear polo centro da vila.

“Ponteareas non precisa ruído, non precisa slogans agoireiros, non precisa políticas mediocres que buscan a confrontación”

Ponteareas non precisa ruído, non precisa slogans agoireiros, non precisa políticas mediocres que buscan a confrontación. Ponteareas precisa acción, unión, altura de miras e saberse importante como sempre foi, como é e como será se todos remamos xuntos.

O PSOE sempre está a disposición dos veciños e veciñas. Escoitaremos sempre aos nosos comerciantes pensando sempre no ben común, porque o que é bo para todos é bo para o individuo. Eu me quedo coa Ponteareas dinámica, activa, emprendedora, que foi capaz de unirse nunha Federación para mellorar. Fronte a isto o único que temos é ruído e campaña electoral.

Vanesa Fernández Soage, concelleira socialista en Ponteareas.