Ponteareas celebrará o Día Internacional dos Museos

Cunha visita guiada ao seu Museo Municipal este 18 de maio

Ponteareas | O Museo Municipal de Ponteareas, que posúe dende hai unhas semanas o distintivo de calidade turística SICTED, organiza unha visita guiada para conmemorar o Día Internacional do Museos, que se celebra este martes, día 18 de maio. Esta visita, que terá unha duración aproximada de 45 minutos, permitiranos coñecer elementos importantes da Historia de Ponteareas, desde a Prehistoria até a Idade Contemporánea. A visita terá lugar o vindeiro martes, día 18 de maio, ás 19:00 h.

“Esta visita, que terá unha duración aproximada de 45 minutos, permitiranos coñecer elementos importantes da Historia de Ponteareas, desde a Prehistoria até a Idade Contemporánea”

Para asistir a esta actividade, é necesario facer a reserva correspondente escribindo un correo electrónico a bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou ben chamando ao teléfono 986660765. Con todo, as prazas son limitadas (10 persoas como máximo) e asignaranse por rigoroso orden de recepción das inscricións.

“Animamos a todas as persoas, de Ponteareas ou de fóra dela, a achegarse á súa Historia a través desta iniciativa para coñecer tamén o noso Museo Municipal cunha das persoas máis versadas sobre a materia, co seu actual director, Gonzalo Fernández, ao tempo que conmemoramos o Día Internacional dos Museos”, sinala Fernando Groba, concelleiro de Cultura de Ponteareas.

O Museo Municipal de Ponteareas articúlase a nivel temático en varios apartados:
Prehistoria de Ponteareas e comarca, dende época paleolítica á romanización. Principalmente materiais procedentes do xacemento arqueolóxico do Castro de Troña pertencente á cultura galaico-romana. Destacan tamén nesta área o petróglifo de Chan de Gándara (Padróns) e unha pequena colección de bronces do Coto de Altamira (Taboexa, As Neves) coa figura dun togado.

Da época medieval, sobresae a pía bautismal de notábeis proporcións, ben conservada e que pertence ao estilo románico.

A parte de historia contemporánea esta dedicada, fundamentalmente, a importantes persoeiros nacidos en Ponteareas, que se distinguiron en distintos ámbitos da vida política, social e cultural. Así, no eido político, cómpre destacar a Amado Garra Castellanzuelo, Gabino Bugallal e Isidoro Bugallal Araújo. No campo das letras, hai que facer mención a Manuel Domínguez Benavides, Fermín Bouza Brey, Alfredo Pedro Guisado. Para alén do músico e compositor Reveriano Soutullo ou de artistas como Vidales Tomé, Antonio Medal, Rogelio Lorenzo ou Afonso Quinteiro.