Ponteareas celebrará o 40º aniversario da vitoria de Álvaro Pino en La Vuelta

Este 23 de maio cun acto institucional no marco da proba ciclista Sestelo-Clásica Álvaro Pino

Ponteareas | O Concello de Ponteareas renderá homenaxe este sábado 23 de maio a unha das figuras máis emblemáticas do deporte ponteareán e galego: Álvaro Pino. Coincidindo co 40 aniversario da súa histórica vitoria en ‘La Vuelta Ciclista a España’ de 1986, o Concello de Ponteareas e a organización da Sestelo-Clásica Álvaro Pino impulsan un acto institucional aberto á cidadanía para recoñecer a súa traxectoria e o legado que deixou no ciclismo e na historia da vila.

O acto celebrarase ás 19:00 horas diante da Casa do Concello e o goberno local invita a toda a veciñanza e a todos os colectivos deportivos, educativos, culturais, sociais, etc. a sumarse á celebración multitudinaria e revivir o momento da chegada de Álvaro Pino á súa vila hai 40 anos, recuperando a emoción e aquelas imaxes históricas que quedaron gravadas para sempre na memoria colectiva de Ponteareas.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, sinala que “falar de Álvaro Pino é falar dunha das grandes referencias do deporte ponteareán e galego. O seu triunfo marcou a historia do ciclismo e tamén a memoria colectiva de toda unha xeración que viviu con orgullo aquel momento inesquecible”. Rodríguez destacou ademais que “esta homenaxe é tamén unha forma de agradecer todo o que Álvaro segue representando para Ponteareas, polo seu compromiso co deporte e pola súa cercanía coa afección e co ciclismo base”.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destaca que “Álvaro Pino representa o esforzo, a humildade e o orgullo dunha vila que viviu con emoción aquel triunfo histórico de 1986. Corenta anos despois, Ponteareas quere volver dicirlle grazas por levar o nome do noso municipio ao máis alto do ciclismo internacional”. Esta homenaxe celebrarase ademais na fin de semana da Sestelo-Clásica Álvaro Pino, unha cita xa consolidada no calendario ciclista e que cada ano reúne na vila a numerosos afeccionados e deportistas.

ConciliaTEA Verán 2026
O Concello informou da apertura do prazo de inscrición para participar nos campamentos “ConciliaTEA Verán 2026”, un programa impulsado para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de verán a través dunha oferta de lecer educativo e inclusivo dirixida a menores de entre 3 e 12 anos.

O principal obxectivo deste programa é poñer as persoas no centro: apoiar ás familias, facilitar a súa organización durante o verán e ofrecer aos nenos e nenas un espazo seguro, educativo, inclusivo e de convivencia. Os campamentos desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres e en horario de 9:00 a 14:00 horas, agás festivos. Ademais, as familias terán á súa disposición a opción de plan madruga desde as 7:30 horas.

Nesta edición ofreceranse dúas modalidades diferenciadas. Por unha banda, o “TEA Verán Urbano”, que terá lugar no CEIP Plurilingüe As Veigas. Por outra, o “Campamento Rural de Verán”, que se desenvolverá en catro parroquias do municipio, cunha quincena natural en cada unha delas, achegando así esta programación tamén ao rural ponteareán.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, sinala que “este programa combina conciliación, educación e lecer, pero sobre todo ofrece tranquilidade ás familias e unha experiencia positiva para os nenos e nenas”.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliña que “ConciliaTEA nace para dar resposta a unha necesidade real das familias: poder conciliar durante os meses de verán sabendo que os seus fillos e fillas están nun espazo seguro, atendido e con actividades de calidade”.

Castro destaca que “para este goberno local o primeiro son as persoas, e por iso seguimos impulsando servizos que axudan no día a día das familias, tanto no casco urbano como nas parroquias, achegando oportunidades tamén ao rural”. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición no enlace.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.