Ponteareas avanza na ampliación da súa rede de calor con biomasa

Conectará co Centro de Dinamización Empresarial, o Centro Cívico e o Edificio de Usos Múltiples

Ponteareas | Ponteareas continúa coa ampliación da súa pioneira rede de calor pública. O Concello avanza de forma rápida na execución das obras que permitirán estender esta rede ata novos edificios de titularidade municipal, incrementando e optimizando a potencia de produción dispoñíbel e continuando no camiño da innovación e a sostibilidade no eido enerxético.

Con esta ampliación das instalacións procederase a dar servizo e cubrir as necesidades de calefacción e auga quente do Centro de Dinamización Empresarial, a piques de abrir ao público; do futuro Centro Cívico situado na Praza Maior, xa en fase de remodelación; e o edificio de usos múltiples que albergará a antiga nave de Aceiros del Tea, que nestes intres atópase en proceso de licitación das obras de rehabilitación.

“Son novos pasos para facer de Ponteareas unha vila máis verde e sustentábel, xa que esta ampliación permitirá incluír que instalacións que se están a remodelar na actualidade conten xa cun subministro por biomasa de lasca producida nos montes próximos, xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de incendios e garantindo unha contaminación cero”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.

A rexedora salientou que “somos referente a nivel galego en canto á instalación deste sistema e chámannos doutras cidades para coñecer o que estamos a facer. O noso obxectivo é seguir avanzando para que nos vindeiros anos a totalidade dos edificios públicos conte con este sistema e xa estamos estudando a posibilidade de transferilo ao parque de vivendas privadas e empresas, creando novos puntos de conexión que favoreza un abaratamento de custes de calor e auga, unha maior eficiencia enerxética e unha redución das emisións tanto entre a veciñanza como no tecido empresarial”. A alcaldesa destacou ademais que se trata dunha iniciativa que tamén se estuda levar ás parroquias nun futuro.

Con esta ampliación, a rede de calor lévase cara á Praza Maior a partir da derivación que se deixou prevista no ramal principal á saída do edificio central na rúa Santa Ana. As tubaxes instaladas na primeira fase foron xa dimensionadas para soportar os caudais das ampliacións de rede sucesivas ata completar a totalidade da rede de calor de Ponteareas.

Este aumento de potencia “favorecerá o paso cara a unha economía baixa en carbono, dando pulo ao uso das enerxías renovábeis na vila e mellorando a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións municipais”, como asegura a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

Garrote lembra que a posta en marcha desta rede de calor “sitúa a Ponteareas como un concello pioneiro e innovador que aposta pola sostibilidade non só como ferramenta de aforro económico, senón tamén como camiño para diminuír a nosa pegada de carbono”.

Cun investimento de case 288.000 euros, as obras contan están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’, o Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e fondos propios do Concello.