Ponteareas aproba “o maior orzamento da súa historia”

Son 24,9M€ para o exercicio de 2027. O BNG votou en contra destes orzamentos ante o rexeite das súas propostas

Ponteareas | O Goberno municipal de Ponteareas, presidido pola alcaldesa Nava Castro, presentou o proxecto de Orzamento Xeral para o exercicio 2027, que ascende a 24.925.597,40 euros. Esta cifra convértese no maior orzamento da historia do Concello, tras experimentar un incremento de 2.407.188,86 euros (un 10,7 %) respecto ao ano anterior, que permitirá reforzar os servizos públicos, ampliar os recursos destinados ás políticas sociais e impulsar investimentos estratéxicos tanto no centro urbano como nas parroquias. O proxecto contempla unha previsión de ingresos de 25.243.891,38 euros, deixando un superávit técnico de 318.293,98 euros polas subvencións pendentes de cobro.

A alcaldesa, Nava Castro, salientou que estas contas “permiten seguir avanzando na modernización de Ponteareas, coa posta en marcha de novos equipamentos, a mellora dos servizos públicos e a execución de proxectos que darán resposta a necesidades históricas dos nosos veciños”. “Queremos que as inversión cheguen ao conxunto do municipio, que as parroquias conten con novos equipamientos e que Ponteareas siga avanzando na mellora dos seus servizos públicos”, engadiu a rexedora.

Pola súa banda, o concelleiro de Economía e Facenda, Francisco Represas, explicou que «o incremento do orzamento está vinculado, en boa medida, á incorporación de investimentos estratéxicos e ao aproveitamento dos fondos europeos, que nos permiten financiar proxectos de gran relevancia para o municipio. Ao mesmo tempo, reforzamos os recursos destinados aos servizos públicos e garantimos a cobertura económica dos compromisos municipais».

2,7 millóns para Investimentos estratéxicos
A partida de investimentos reais ascende a un total de 2.719.868 euros co obxectivo de activar proxectos de gran envergadura e dar resposta a demandas históricas do municipio. A actuación de maior contía céntrase na nova biblioteca municipal, que recibirá unha achega inicial de 810.000 euros por parte do Concello para arrincar un equipamento cuxo custo global roldará os 8 millóns de euros.

Así mesmo, iniciaranse as dotacións económicas para construír os novos centros de día de Xinzo e Guláns dedicados á terceira idade, xunto con 200.000 euros para os centros socioculturais de Padróns e Pías.

No ámbito do saneamento, destínanse 350.000 euros ao canon do novo contrato do ciclo integral do auga —que prevé mobilizar 32,5 millóns a longo prazo—, complementados con 100.000 euros para fosas sépticas e 70.000 euros para traídas veciñais. A modernización comercial e industrial canalízase a través de máis de 300.000 euros para a dixitalización do mercado Mercatea en colaboración con Red.es, e outros 100.000 euros para avanzar no Plan Parcial do solo empresarial de A Lomba.

Finalmente, a seguridade refórzase con 75.000 euros para un camión autoescaleira de bombeiros e 26.620 euros para un vehículo policial, mentres que en urbanismo destacan as reformas da Praza Bugallal e a Baixada de San Gregorio xunto con plans de vivenda para alugueiro social.

O SAF cobra relevancia
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) consolídase como un piar central coa dotación de 2.229.094 euros para garantir a atención domiciliaria de persoas dependentes. O orzamento mantén 116.000 euros para emerxencia social, destina 20.000 euros para a asistencia xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) e garante os convenios con entidades como AFAGA, Avelaíña, Cruz Vermella, Voces nas Mans e Dar Máis.

Ademais, Ponteareas estrea oferta universitaria ao incrementar a 60.000 euros o convenio coa UNED para impartir dous graos universitarios en Comunicación e Intelixencia Artificial. Mantéñense tamén 20.000 euros para axudas de libros e material escolar. Tamén destacable é a partida de limpeza dos colexios públicos, que experimenta unha suba histórica ao pasar de 185.000 euros a máis de 415.000 euros anuais (un 124 % máis) para garantir a salubridade de todos os centros educativos. Finalmente, o servizo de recollida de residuos e limpeza viaria contará con 2.183.936 euros anuais. No eido asociativo, destínanse 200.000 euros ao deporte local, 40.000 euros para casas culturais, e incrementase un 15 % a partida para o Corpus Christi. Tamén se asina un novo convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para investigar o legado de Reveriano Soutullo.

Estabilidade económica
O equipo económico liderado por Francisco Represas puxo en valor a solidez e a estabilidade que outorga ao municipio o feito de encadrar catro exercicios consecutivos de planificación económica aprobada en tempo e forma. A tramitación técnica do documento arrancará de xeito oficial o vindeiro martes 3 de novembro, coa celebración do pleno extraordinario fixado para a súa aprobación inicial, activando os prazos legais necesarios para que o orzamento entre en vigor de forma efectiva o 1 de xaneiro de 2027.

Esta metodoloxía de traballo continuada evita os problemas de xestión derivados de ter que recorrer a prórrogas orzamentarias automáticas do ano anterior. Grazas a esta anticipación, os distintos departamentos municipais contarán con plena certeza sobre os seus recursos dispoñibles desde o primeiro minuto do ano, garantindo a perfecta cobertura de todos os grandes contratos de servizos e axilizando de xeito notable o inicio de todos os expedientes de licitación das novas obras programadas.

O BNG vota en contra
O BNG votou este martes en contra do Orzamento municipal para o 2027 de Ponteareas, despois de que o goberno de PP e ACIP rexeitase todas as propostas presentadas pola formación nacionalista. O PP e ACIP votaron en contra das propostas do BNG para reforzar a atención á saúde mental, aumentar as axudas ás traídas de augas, a colectivos sociais e o acceso á vivenda.

O Bloque centrou parte da súa crítica no incremento da débeda, sinalando que “o goberno prevé solicitar un novo préstamo de 2 millóns de euros, o que, segundo os informes de Intervención, situarán a débeda a finais de 2027 preto dos 8 millóns de euros, un aumento do 108% con respecto ao 2023”. Ademais, os informes prevén un incumprimento da regra de gasto superior aos 4,5 millóns euros, o que obrigaría á elaboración dun Plan Económico Financeiro para recuperar o cumprimento dos obxectivos da regra de gasto nos anos 2028 e 2029.

“O modelo de xestión da dereita, baseado no descontrol e no despilfarro dos recursos públicos en caprichos e propaganda, está levando o Concello a unha situación de auténtica asfixia económica. Mentres aumentan as taxas e os impostos que pagan as veciñas e veciños, o goberno hipoteca o futuro do Concello recorrendo ao endebedamento para pagar obras xa executadas e continúa destinando millóns de euros a proxectos que non responden ás prioridades da veciñanza” denunciou o BNG.

O Bloque defendeu as súas propostas como parte dunha alternativa de goberno e lamentou que o goberno de Nava Castro e Juan Carlos Carrera priorice a propaganda fronte á atención á saúde mental e outras necesidades sociais. “Propuxemos aumentar os recursos destinados á atención á saúde mental, reducindo as partidas de propaganda, e a dereita votou en contra. Propuxemos aumentar as axudas ás comunidades de augas ante os problemas derivados da seca, e a dereita votou en contra. Propuxemos destinar máis recursos á vivenda, e a dereita votou en contra. Propuxemos recuperar as axudas a entidades veciñais e sociais, e a dereita votou en contra. Queda claro que PP e ACIP prefiren uns orzamentos ao servizo da súa propaganda electoral antes que ao servizo da maioría social”, lamentou o BNG.

 

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.