Ponteareas aproba novo regulamento sobre as vivendas de emerxencia social

Tamén aprobou a adhesión á Estratexia de promoción da saúde e prevención

Ponteareas | O Concello de Ponteareas aprobou por unanimidade este 28 de marzo en pleno a Ordenanza reguladora dos criterios de adxudicación, normas de funcionamento e utilización das vivendas de emerxencia social, un regulamento que actualiza o que se viña empregando ata o de agora e “co que se aborda a realidade actual”.

“A ordenanza actual, que data de 2016, entende as vivendas sociais como lugares que se alugan ou venden a un prezo que non se rexe polo mercado para establecer un domicilio definitivo. Porén, hoxe en día é preciso contar con vivendas para facer fronte á necesidade de acubillo inmediato de xeito temporal para as persoas que o precisen nalgún momento”, explicou a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

Esta nova ordenanza permitirá poñer en funcionamento e ofrecer como recurso social as Casas dos Mestres, rehabilitadas polo Goberno municipal co obxectivo de empregarse como vivendas de emerxencia social. O regulamento tamén se actualiza para adaptarse á situación de crise social actual, duplicando o tempo máximo de estancia permitido, establecendo procedementos que permitan un uso áxil e urxente da vivenda ou un procedemento abreviado para situacións de violencia de xénero.

A través do novo regulamento tamén se engade o uso compartido das vivendas como medida para chegar a máis persoas e para desenvolver habilidades sociais para a convivencia, estableceranse compromisos por parte das persoas usuarias e crearase unha comisión de valoración das solicitudes que garanta transparencia e criterios técnicos.

Por outra banda, o Goberno municipal tamén aprobou por unanimidade a adhesión de Ponteareas á Estratexia de promoción da saúde e prevención no Sistema Nacional de Saúde, unha iniciativa do Ministerio de Sanidade que persegue a promoción da saúde e a prevención co obxectivo de gañar anos de vida en boa saúde e libre de discapacidade.

Ao abeiro deste compromiso, o Concello de Ponteareas avanzará na constitución dunha mesa intersectorial no municipio como instrumento de colaboración entre sectores e facilitará á veciñanza información dos recursos dispoñíbeis para mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas.