Ponteareas actualiza a taxa de vaos

Cunha ordenanza máis equitativa

Ponteareas | Ponteareas vén de dotarse dunha ordenanza reguladora de concesión e de taxa por entrada de vehículos a través de beiravías, beirarrúas, reservas de vía pública, aparcamento exclusivo, parada de vehículos e carga e descarga de mercadorías. Así o aprobou inicialmente o Pleno da Corporación Municipal na sesión celebrada este martes.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, explica que “ata o de agora non contabamos cunha normativa específica para vaos. Agora, establecemos esta ordenanza para garantir unha aplicación máis equitativa das taxas, en función da intensidade de uso, de xeito que non se discrimine ao pequeno comercio fronte ás grandes superficies, ou aos pequenos garaxes fronte aos que dispoñen dun gran número de prazas”.

A nova ordenanza, segundo indica o concelleiro de Facenda, Pancho Alonso, “inclúe unha tarifa reducida dun 20% a aqueles establecementos que só queiran ter a reserva de espazo público durante o horario laboral.

Así mesmo, mantense a dedución do 40% nas vivendas situadas nas aforas da vila ou nas parroquias, así como o prezo da concesión da sinal oficial de vaos”.