Ponteareas acollerá a VII edición dos Xogos Florais

Concurso literario para desenvolver a poesía local

Ponteareas | O Concello pon en marcha a sétima edición dos Xogos Florais, un concurso literario co que se procura contribuír ao desenvolvemento da poesía local. “Ponteareas é unha terra de escritoras e escritores, algo que está máis ca demostrado na historia da literatura. Con esta iniciativa buscamos crear posibilidades e espazos de convivencia entre voces consolidadas e outras novas que están aparecendo con forza, difundindo a súa actividade creativa e permitíndolles ser escoitadas por toda a veciñanza”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

As persoas interesadas en participar terán ata o 5 de maio para entregar as súas obras, textos orixinais e inéditos escritos en lingua galega de temática libre con entre 14 e 40 versos. Nesta edición haberá dúas categorías: a xuvenil, de 13 a 18 anos, que debe incluír unha autorización asinada por parte do pai, nai ou titor ou titora legal; e a de adultos, para maiores de 18 anos.

As e os participantes deberán presentar os seus traballos baixo pseudónimo ben por correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal, enviando dous arquivos, un co poema presentado a concurso e outro cos datos persoais; ou de forma presencial na Biblioteca Pública Municipal en dous sobres, un sobre pechado cos datos persoais que deberá ir dentro doutro sobre máis grade coa copia do poema no que se deberá indicar a categoría de participación e o pseudónimo.

Nesta ocasión haberá tres premios por categoría, que consistirán na entrega dunha flor natural, diploma acreditativo e unha peza de artesanía galega conmemorativa a cada unha das persoas galardoadas.

Os membros do xurado valorarán a calidade literaria, a orixinalidade, o uso correcto do galego e outros aspectos que consideren oportunos. As súas deliberacións serán secretas e rematarán cun acta na que se recolla a decisión final, inapelábel e que se fará pública con antelación á celebración dos Xogos Florais que terán lugar no mes de maio.

O edil de Cultura convida a toda a veciñanza a participar nesta sétima edición do certame, un escaparate inigualábel para dar a coñecer a capacidade creativa que agochan os ponteareáns e ponteareás.