Desde a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! vimos desenvolvendo desde hai tres décadas un labor constante de “re-transmisión” do noso patrimonio cultural ás novas xeracións, quer en Galicia como en Portugal. E facémolo tendendo pontes de entendemento a través do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, ese patrimonio que nos conecta con todo o mundo e do que somos o territorio de orixe.
Esas pontes que ano tras ano fomos tecendo cos máis novos, atravesaron o Atlántico e permitiron que compartíramos proxectos con centros educativos do Brasil, Arxentina ou Cuba, entre outros países. E non ten sido doado esa relación pois non hai apoios institucionais para o ensino non universitario para crear esas relacións estables cos países de lingua portuguesa.
En 2025, a Real Academia Galega dedicou o Ano das Letras Galegas ás cantadeiras, é dicir, ao patrimonio oral que preservaron na súa memoria e que se foi transmitindo de xeración en xeración. Esas cantigas que celebramos en 2025 están vivas en diversos lugares da “galeguía” ou lusofonía e por esta razón as letras galegas foron universais e deberían ter sido máis celebradas alén das fronteiras administrativas. Desde Ponte…nas ondas! promovemos a publicación do Cancioneiro galego-portugués para dar a coñecer esas cantigas que permanecen hoxe vivas nos diversos territorios de lingua portuguesa, un cancioneiro que é de acceso universal. Sería bo, que esta comparativa entre as letras destas cantigas, que como un xogo de espellos se manteñen coas mesmas palabras aquen e alén do Miño e mesmo en territorios ben lonxanos, se difundise como acción cultural prioritaria pois dar a coñecer este patrimonio compartido é a mellor carta de presentación da cultura galega na mundo lusófono.
A finais do ano 2025, recibíamos un recoñecemento “inesperado” desde o XXI Comité Intergobernamental do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO celebrado en Nova Delhi no mes de decembro. A UNESCO escollía como exemplo único para a presentación do piloto da nova plataforma das boas prácticas que irá presentar no mes de decembro de 2026 en Xiamen (China) o “modelo Ponte…nas ondas!”
“Desde o ano 2022, Galicia e Portugal contan co ‘modelo Ponte…nas ondas!’ de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial da UNESCO”
Desde o ano 2022, Galicia e Portugal contan co “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI) “como única inscrición no Rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO, unha candidatura presentada por Portugal e España.
Galicia ten un “modelo” que xa é universal e por tanto, replicable e exportable como unha creación propia. Un modelo que a través da educación, o patrimonio, a comunicación e as tecnoloxías da información e da comunicación foi quen de singularizar unha metodoloxía que se fixo universal por ter nacido nun territorio de fronteira, creando pontes ao longo de tres décadas.
A partir desta inscrición, a Xunta de Galicia está a crear a Rede de Centros “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI)“, a primeira que unha institución pública conforma e que coloca a Galicia como referente para a integración do PCI no sistema educativo, en liña co que propón a Convención de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial de 2003.
A presentación en Xiamén (China) a finais de decembro de 2026 da nova plataforma das boas prácticas co PCI, tendo a Ponte…nas ondas! como modelo, constitúe un poderoso exemplo de como podemos estar no mundo crendo nas nosas potencialidades e tendo no noso patrimonio cultural un valioso tesouro que cómpre “re-transmitir”.
A necesidade de contar cun centro para o patrimonio cultural galego-portugués compartido, no territorio de orixe, na actual Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, é unha proposta que a administración galega e portuguesa deberían contemplar con interese. Hai exemplos incipientes deste “modelo” de espazos para a transmisión do patrimonio inmaterial á sociedade, en sintonía coa maior sensibilidade cara a este “patrimonio” máis vulnerable. Desde Ponte…nas ondas! temos xa unha proposta e cremos que, mesmo sendo identificado un espazo simbólico no camiño de Santiago, a antiga alfándega de Valença do Minho, de acordo coa boa acollida da proposta pola Eurocidade Tui-Valença e a AECT Rio Minho, debería converterse nun espazo simbólico cunha nova resignificación e faro do patrimonio inmaterial galego portugués no mundo. A semente está botada, é necesario que xermine…
Este artigo fai publicado no Informe Nós No Mundo 2025-26 do IGADI.





