Ponte…nas Ondas! fará presentacións itinerantes do seu documental “Meniños Cantores2”

A TVG emitirá a serie documental “Agora cantamos nós!”
Ponte…nas ondas! Realizará presentacións do proxecto Meniños Cantores nos concellos onde se realizaron as gravacións.

Vigo | A TVG continuará coa emisión da serie documental Meniños Cantores 2 o próximo domingo 2 de xaneiro ás 19.45 hs. Despois da boa acollida que tivo o primeiro capítulo que percorreu as localidades de Verín, Chaves. Crecente e Montalegre, o capítulo 2 centrarase en As Neves, Melgaço, Salvaterra e Monção. Nesta ocasión os pradiños musicais serán o grupo A Roda, Daniel Pereira Cristo, Cuarteto Caramuxo e Sons do Minho.

A serie documental, incluída no libro-USB, componse de 4 capítulos de 50 minutos cada un. Ao longo dos capítulos ofrécese un percorrido pola fronteira galego portuguesa, “zigzagueando” dende Verín e Chaves ata o Océano Atlántico chegando a Viana do Castelo.

No documental, ademais de descubrir as cancións interpretadas polos nenos e nenas de 17 centros educativos e os seus padriños e madriñas, a través dos alumnos e profesores dáse a coñecer o proceso de escolla do tema musical, a súa preparación e interpretación na gravación. Tamén están presentes as persoas portadoras dos saberes tradicionais que nun claro exemplo de transmisión oral comparten os seus coñecementos cos rapaces, axudando a difundir o patrimonio inmaterial.

Cada centro educativo, está apadriñado por un artista de Galicia e Portugal, que colaboraron na preparación e gravación dos temas musicais. Ademais, todos os padriños e madriñas gravaron o tema común “Máis perto”.

No capítulo 1 percorre os concellos de Verín, Chaves, Crecente e Montalegre. No capítulo 2, As Neves, Melgaço, Salvaterra de Miño e Monção. No capítulo 3, Salceda de Caselas, Tui, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira e A Guarda. No capítulo 4, Tomiño, Caminha, O Rosal e Viana do Castelo.

A serie foi gravada entre os meses de abril e xuño pola produtora Casa de Tolos, editada por Pai Música e contou coa colaboración da TVG, o Consello da Cultura Galega e cunha axuda de O teu Xacobeo. No documental, participaron máis de 500 xoves das dúas marxes da fronteira pertencentes a 17 centros educativos, bandas de música ou grupos corais.

Este proxecto está promovido pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! que leva máis de 25 anos poñendo en valor o patrimonio inmaterial nos centros educativos galegos e Ponte…nas ondas! foi presentado na UNESCO por Portugal e España para ser inscrito como modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial que debe producirse en decembro de 2022.

Presentación nos Concellos
Despois das realizadas en As Neves e en Caminha, Ponte…nas ondas! organizará presentacións do traballo realizado en cada localización para dar a coñecer todo o proxecto de Meniños Cantores 2 que recolleu en cada concello mostras e testemuños do seu patrimonio inmaterial.

Un glosario do léxico específico de cada municipio foi incluído no libro e vai ser publicado na Web do proxecto.