Política Social porá en marcha unha Casa Niño na Bola

Manuel Pardo destacou a importancia que teñen estes servizos nas contornas rurais

Ourense | O delegado da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao Concello da Bola para informar a súa alcaldesa, María Teresa Barge, que na recente resolución das achegas da Consellería de Política Social e Igualdade contémplase a posta en marcha dunha nova casa niño no seu municipio.

O delegado da Xunta destacou a importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornas rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais. Neste senso, apuntou que o Goberno galego aposta por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.

Así mesmo, Manuel Pardo indicou que con estas axudas dáselle continuidade ás medidas impulsadas pola Xunta para favorecer a conciliación das familias, como a gratuidade da educación infantil 0-3. Deste xeito, lembrou que a rede de casas niño na provincia ourensá consta actualmente de 49 recursos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.