Pleno municipal de Ponteareas aproba o Ciclo Integral da Auga

Asegura ao Concello investimentos millonarios en saneamento no rural

Ponteareas | O pleno aprobou no día de onte, cos votos a favor do BNG e PSOE, a abstención do Partido Popular e o voto en contra de ACIP, o anteproxecto do denominado “Ciclo Integral da Auga”, a concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración.

O proceso de licitación que se inicia con este primeiro acordo plenario implicará, segundo o executivo municipal do BNG-PSOE, grandes beneficios para Ponteareas en comparación coa situación anterior.

A alcaldesa, Cristina Fernández, explicou que a concesión será de 20 anos fronte aos máis de 30 do período anterior, a concesionaria terá que pagar ao Concello máis de 1.300.000 euros fronte aos 150.000 euros da concesión anterior e, o máis importante, terá que facer investimentos en obras de saneamento e abastecemento no rural por un mínimo de 1.670.000 euros, aínda que poden acadar máis de 9 millóns de euros en función das ofertas que se presenten. Na concesión anterior o Concello non recibiu ningún investimento.

Na súa intervención, a alcaldesa sinalou que a aprobación do anteproxecto do Ciclo Integral da Auga é un dos máis ambiciosos e de maior calado na historia recente de Ponteareas, que marcará un antes e un despois na localidade. Cristina Fernández afirmou que “por primeira vez na súa historia, Ponteareas está en condicións de dar o saneamento a todas as parroquias” e xustificouno indicando que “despois destes sete anos gobernando podemos anunciar que temos os proxectos, temos os cartos e temos en marcha a ampliación da depuradora para que non verta ao río”.

A rexedora local lembrou que o Concello xa ten redactado o plan director de saneamento que determina tecnicamente todo o que hai que facer en cada parroquia. Ademais, engadiu que a ampliación da depuradora da Moscadeira está xa en marcha co maior investimento económico da historia de Ponteareas, 14 millóns de euros, unha ampliación sen a que o Concello tiña prohibido por parte da Confederación facer novas obras de saneamento porque verterían ao río. Agora, coa aprobación do Ciclo Integral da Auga, o Concello ten asegurados millóns de euros para comezar a executar esas novas obras de saneamento.

Por iso a alcaldesa sinalou que “este mandato foi o do alumeado público cunha renovación espectacular en todo o rural e centro urbano de máis de 4 millóns de euros investidos. Agora está todo preparado para que os próximos anos sexan os do saneamento integral de Ponteareas”.