Pilar Rodríguez Ledo, XXII Premio Novoa Santos da Asociación de Médicos Galegos

Acto celebrado no Paraninfo da USC
O reitor Antonio López, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a agasallada Pilar Rodríguez Ledo, Julio Ancochea, presidente de Asomega e Federico Plaza, en representación de Roche.

Santiago de Compostela | A Asociación de Médicos Galegos (Asomega), en colaboración con Roche, celebrou a comezos de setembro no Paraninfo da USC o acto de entrega do XXII Premio Novoa Santos. Con este premio e o acto de entrega recoñeceuse a figura da profesora de Enfermaría no Campus de Lugo, Pilar Rodríguez Ledo.

A gañadora é tamén subdirectora Médica da Estrutura de Xestión Integrada de Lugo, Burela e Monforte e tamén vicepresidenta da Sociedade Española de Medicina Xeral (SEMX).

No acto tomaron parte o reitor Antonio López e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo ademais de Julio Ancochea, presidente de Asomega e Federico Plaza, en representación de Roche.

Logo da laudatio que correu a cargo do catedrático da UDC, Javier Muñiz, a premiada procedeu a pronunciar o seu relatorio titulado “A Atención Primaria, un abano de oportunidades, dende a Medicina Rural á COVID persistente”.

O 50% da contía do premio, que ascende en total a 12.000 euros, destínase á gañadora e o resto repártese entre outras dúas iniciativas designadas pola propia Rodríguez Ledo.

O Premio Novoa Santos recoñece a personalidades relevantes de Galicia, ou directamente vinculadas a Galicia, do eido da Medicina-Sanidade, cuxa labor profesional ou científica acadase repercusión estatal ou internacional.