“Ourense Vinis Terrae” ofrece ás adegas galegas oportunidades de negocio internacional

Terá lugar en Expourense os días 14 e 15 de xuño

Ourense | “Ourense Vinis Terrae”, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade prosegue na organización da súa próxima edición que terá lugar en Expourense os días 14 e 15 de xuño de 2021 que se celebrará en formato híbrido, entre presencial e virtual, para adaptarse ao novo contexto provocado pola pandemia normal. Esta mañá celebrábase de forma virtual a segunda reunión do comité organizador desta cita para presentar os avances na comercialización de adegas galegas expositoras, na captación de compradores nacionais e importadores internacionais e na organización do programa de actividades.

Entre as novidades desta edición, que xa veñen marcadas polo propio formato do evento, destacará a organización de varias masterclass previas á feira, dirixidas aos compradores e importadores confirmados nas que se presentará o viño de Galicia e as variedades autóctonas que o fan único co obxectivo de vender tamén “territorio”. Estas clases estarán impartidas por prestixiosos expertos “ Master of Wine” que serán anunciados nas próximas semanas.

No referente á comercialización, espérase que esta edición reúna ao redor de 50 adegas adscritas a algunhas das Denominación de Orixe ou IXP de viño de Galicia ou de Licores e Augardentes. Durante esta reunión constatouse que a resposta das adegas está a ser moi positiva, xa que se rexistra un alto grao de fidelidade das adegas que xa participaron en anteriores edicións ás que se sumaron outras novas que o farán por primeira vez.

No que respecta a a formación das adegas participantes (na súa maioría pequenas e medianas empresas, aínda que tamén confirmaron grandes grupos adegueiros), a presenza en feira conleva a posibilidade de participar en seminarios formativos sobre a comercialización internacional a través de canles dixitais e redes sociais. Para estas accións, Expourense contará coa colaboración de entidades como o INORDE, a través do seu proxecto europeo “Rede AGRICONECT 4.0”, ou da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia- EVEGA.

Catas comentadas
Polo que respecta ás actividades durante a feira, impartiranse varias catas comentadas en formato presencial e virtual, en español e inglés, que contan coa colaboración, entre outros, da Axencia Galega de Calidade Alimentaria – AGACAL, entidade adscrita á Consellería do Medio Rural e principal apoio institucional da feira xunto á Deputación provincial de Ourense. Tamén se celebrará a segunda edición da Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae.

Aínda que as adegas galegas participarán de forma presencial, os compradores e importadores poderán facelo de forma presencial ou virtual. Neste momento está confirmada a participación de importadores procedentes dunha vintena de países de 4 continentes.

Dirixida pola directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez, asistiron a esta segunda reunión do comité asesor o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a xerente do INORDE, Emma González; a xefa do servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria- AGACAL, María José González; o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares; a técnico da D.O. Ribeiro, Erika Domínguez; a técnico do C. R.D.O. Monterrei, Natalia González; a secretaria do CRIIGG de Licores e Augardentes de Galicia, Carmen Otero; e de representantes da Asociación de Catadoras de Galicia e de AJE-Ourense.