
Ourense | A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e baixo a marca Concertos do Xacobeo, apoia unha nova edición do Ouren Sound Fest, que se consolida como “unha das citas musicais destacadas da primavera galega e un evento con capacidade para contribuír á dinamización cultural e turística de Ourense e da súa contorna”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación da cita que terá lugar esta fin de semana.
Xosé Merelles destacou o papel que desempeñan eventos deste tipo na proxección do territorio e na diversificación da oferta turística galega. “Galicia consolida unha oferta turística capaz de atraer visitantes fóra dos meses tradicionais de maior demanda. A través de Concertos do Xacobeo seguimos impulsando experiencias que reforzan a nosa posición como destino musical de referencia, ao tempo que contribuímos a distribuír actividade e oportunidades por todo o territorio”.
O festival, a primeira gran cita da temporada en Galicia, celebrarase entre os días 22 e 24 de maio de 2026 nun novo emprazamento situado no campo de fútbol do Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, reforzando a súa aposta por continuar medrando. O cartel reunirá nomes destacados do panorama indie pop nacional como Love of Lesbian, Iván Ferreiro, Duncan Dhu, La M.O.D.A., Siloé, Marlon, Niña Polaca, Alcalá Norte e Carlos Ares, xunto con propostas emerxentes como as galegas Abril. Ademais, o domingo ao mediodía, na praza do concello de Pereiro de Aguiar, terá lugar a función de A Tarabela Ambulante, da compañía galega Tarabela Creativa, un espectáculo teatral dirixido a público familiar.

Xosé Merelles sinalou que festivais como o Ouren Sound Fest permiten asociar a marca Galicia a experiencias culturais de calidade, xerando tamén dinamización económica e actividade en sectores vinculados ao turismo, á hostalaría e aos servizos.
Mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa apostando por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo. Entre os eventos máis destacados da edición 2026 figuran festivais de proxección internacional como O Son do Camiño, Resurrection Fest, PortAmérica, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou o Gozo Festival. Xunto a eles, tamén medran e se consolidaron propostas máis próximas e alternativas como Underfest Xacobeo, Noites do Porto, SilFest, Costa Feira, Galicia Fest, Jaleo! ou Ou Yeah!
Da man dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia actuarán neste 2026 destacadas figuras internacionais, nacionais e galegas como Tom Jones, Katy Perry, Iron Maiden, Leiva, Europe, Zahara, Maroon 5, Xoel López, Garbage, Amaia, Baiuca, Carlos Ares, Franz Ferdinand, Bala, Dani Martín, Sen Senra, Nathy Peluso, Mike Towers e ata 800 bandas e artistas e todos os xéneros e estilos. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.




