Os terceiros premios Sofía Novoa da Deputación de Pontevedra enchen de igualdade o pazo de Gandarón

Entregáronse os galardóns ás seis estudantes da Uvigo premiadas este ano cuxos traballos de fin de máster e fin de grao foron recoñecidos ao incluír a perspectiva de xénero

Pontevedra | A música de Bach e Piazzolla, da man do dúo de piano e flauta traveseira do Conservatorio Mayeusis, inundou esta tarde o Pazo de Gandarón, en Salcedo, engalanado para acoller o acto de entrega dos III Premios Sofía Novoa Ortiz, impulsados pola Deputación de Pontevedra. A sede da Misión Biolóxica de Galicia foi o escenario elixido por primeira vez para galardoar este ano ás seis estudantes da Universidade de Vigo que incluíron a perspectiva de xénero nos seus traballos de fin de grao e de fin de máster. Ao evento, ao que asistiron o Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto, o sobriño de Sofía Novoa, Juan Francisco Novoa, así como colectivos e asociacións de mulleres da provincia, foi conducido pola escritora Ledicia Costas, coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva, quen enxalzou a “figura esquecida” de Sofía Novoa, que da nome aos galardóns.

Carmela Silva: “As premiadas son mulleres do presente que construirán futuro, que mostran que o legado de Sofía Novoa segue vivo e que este século vai a ser o noso, o das mulleres”

Na súa intervención, Silva felicitou ás estudantes premiadas “mulleres do presente que construirán futuro, que son un canto para outro mundo porque o mundo precisa de ser cambiado e os cambios máis importantes teñen que partir da igualdade”. A presidenta provincial sinalou que o nivel dos traballos “mostra que o legado, a memoria e o compromiso de Sofía Novoa segue vivo e que este século vai ser o noso, o das mulleres”. Carmela Silva enxalzou tamén “este marabilloso Pazo de Gandarón, un lugar máxico no pasado e un centro de investigación no presente e para o futuro, que amais dirixe unha muller como Elena Cartea, hoxe escenario para recoñecer o traballo das mulleres porque os recoñecementos ás mulleres precisan dos mellores escenarios”

A presidenta da Deputación fixo unha homenaxe á figura de Sofía Novoa, “unha grande música pero que foi moito máis, unha muller comprometida coa liberdade, coa igualdade e defensora dos sonos dun mundo mellor, invisibilizada no seu tempo polo patriarcado, por un mundo inxusto por non dicir indecente, que a silenciou como a tantas outras ás que temos que sacar do silencio. Xamais volveremos a consentir que vivan no silencio“, dixo Carmela Silva. A presidenta provincial agradeceu tamén a implicación da Universidade, “a casa do coñecemento que permite que abramos os ollos desde a investigación sobre o que pasa para que podamos cambialo”

Na apertura, a escritora e condutora do evento, Ledicia Costas, apelou a palabra “sororidade” para explicar “a rede de afectos que levou a un grupo de mulleres da Deputación a dedicar estes premios a unha das invisibles como Sofía”. Costas deu paso ás estudantes premiadas, coas que conversou sobre a súa motivación para introducir a perspectiva de xénero nos seus traballos, tanto de fin de grao como de fin de máster. Na primeira modalidade foron premiadas Paula González, de Cambados; Laura Cao, de Viveiro; e Alba Vicente, da Guarda. Da segunda, as galardoadas foron María Dolores Fernandes, de Mos; Andrea López, de Moaña; e Belén Calero, de Vigo.

Ledicia Costas tamén fixo un repaso pola vida de Sofía Novoa, unha muller que, recordou, proviña dunha familia vencellada ao progresismo e que estudou en Madrid, na Residencia de Señoritas, unha institución feminina pioneira na que se formou durante 14 anos e na que se converteu nunha das persoas máis próximas a María de Maeztu. Estudou solfexo e piano no Real Conservatorio e especializouse en Lisboa e en París. Cando estalou a Guerra Civil, Novoa exiliouse aos Estados Unidos e só regresou a España para defender a súa tese no 1949. Cunha traxectoria tan destacada como a de Sofía Novoa, a Deputación de Pontevedra quixo enxalzar a súa figura a través dos premios que levan o seu nome. Así, estes galardóns impulsan desde fai tres anos o estudo e a investigación para alcanzar a igualdade entre homes e mulleres, que repercute en beneficio do progreso e do benestar da sociedade.

Outros artigos