Os socialistas reclaman a dimisión de Baltar por ser un “perigo público”

Por "mentir descaradamente" e ante a súa "bacanal de despotismo e abusos de poder"

Ourense | O PSdeG-PSOE esixe, unha vez máis, a inmediata dimisión de Manuel Baltar como presidente da Deputación de Ourense, tras ser difundidas pola Cadena SER probas evidentes dunha segunda multa por circular a 173 qm/h pola autovía A-52 en Allariz, tan só 54 minutos antes de ser cazado pola Garda Civil delinquindo en Zamora, ao rebasar os 215 qm/h cun coche oficial da institución.

Os socialistas consideran a Baltar un “perigo público” que “pon en risco reiteradamente” a vida doutras persoas ao circular “temerariamente” ese día, pero tamén en incontables ocasións durante os meses anteriores. Así mesmo denuncian que o presidente é un “mentiroso compulsivo”, logo de quedar certificado con esta nova sanción que aquel domingo 23 de abril non rebasou o límite de velocidade en case 100 km/h en Zamora por un ‘despiste puntual’.

“Baltar mentiu e seguirá a mentir descaradamente, pisoteando a honorabilidade da Deputación, se os líderes do PP non poñen freo a súa bacanal de despotismo e abusos de poder con cartos públicos”, denuncian desde o PSOE ourensán antes de recordar que, entre as eleccións deste domingo e a constitución das corporacións provinciais, o presidente será xulgado e sentenciado “entre aplausos e loas do PP”. “Un delincuente condenado polo penal por un grave delito contra a seguridade viaria, non pode optar a presidir nada e todos aqueles que o louven e acompañen, serán cómplices”, resaltan.

O voceiro socialista na Deputación de Ourense, Rafa Villarino, asegura que, logo de coñecerse esta outra sanción, “sabemos” que o presidente “circulou a máis de 160 km/h de media entre Allariz e Asturianos, en Puebla de Sanabria, reincidindo no seu comportamento temerario nun mesmo día”, o que “desminte por completo” o seu “intento de explicacións” cando definiu o sucedido en Zamora como un “feito illado”.

“Queda acreditado que Manuel Baltar minte de xeito compulsivo e que, ademais, é un perigo público ao volante para a circulación e a seguridade viaria”, destaca Villarino, quen tamén incide novamente que “nestas circunstancias xa non ten xustificación algunha para ser nin presidente do Partido Popular de Ourense nin presidente da Deputación”, polo que “debe dimitir de xeito inmediato”.

Falta de honorabilidade de Manuel Baltar
“De non ser así e non dimitir, instamos a que Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e do PP galego e que Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP en España, o cesen inmediatamente das súas funcións” porque “se non a falta de honorabilidade de Manuel Baltar tinguirá tamén as siglas do Partido Popular”, asevera o voceiro.