Os Socialistas da Guarda trasladan o problema do deterioro no litoral do esteiro do Miño ata os parlamentos Galego e Español

A Guarda | Na mañá do venres 16 de marzo visitaron a zona do esteiro do Miño, que está sufrindo estragos no litoral, a deputada do parlamento Galego e portavoz de medio ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, e o deputado no parlamento Español, pola provincia de Pontevedra, Guillermo Meijón.

O obxectivo da visita dos deputados, aos que acompañaron o os membros do equipo de goberno municipal, é coñecer de primeira man os efectos destrutivos que o río está a producir en dous puntos do litoral: a zona da praia Lamiña-O Forte e a zona do Codesal.

Na zona da Lamiña-O Forte, estase a producir unha erosión acelerada con perda de parte do cordón dunar e caída de numerosas árbores, co risco de que a auga acabe por inundar unha zona na que o nivel do terreo é máis baixa ca do río, o que podería ter uns efectos impredicibles.

Na zona do Codesal produciuse a destrución dunha escolleira reparada por Costas do Estado no ano 2016, o que provocou tamén a caída de numerosas árbores e pon en risco a senda peonil que discorre ao carón do litoral. A situación é tan perigosa que o concello sinalizou a zona como medida de precaución para os usuarios desta senda.

En días pasados o concello solicitou, das administracións que teñen competencias no litoral do río que está a sufrir este proceso de destrución, a tramitación de emerxencia das actuacións que paren o proceso e que permitan a recuperación da praia.

En vista de que, por parte da Xunta e do Goberno Central, non se responde á solicitude do concello e non se asumen as responsabilidades que lles corresponden, os deputados do PSdeG-PSOE trasladarán este problema aos parlamentos Galego e Español, con sendas iniciativas que pidan responsabilidades aos gobernos e para que atendan as demandas feitas dende o concello.

Outros artigos