“Os refuxiados ucraínos arrastran o shock emocional por abandoar de golpe o seu país”

Yoya Neira | Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación do Concello da Coruña e responsable da Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU)

A chegada de refuxiados ucraínos a Galicia motivou á activación de ferramentas institucionais orientadas á asistencia destas persoas desprazadas polo conflito bélico. Unha delas é a recen creada Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU) no Concello da Coruña. Falamos coa súa responsable, a concelleira Yoya Neira (PSdeG-PSOE)

Cando e con qué obxectivo creou o Concello da Coruña a Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU)?
A OMAPU creouse o pasado 21 de marzo coa intención de coordinar e canalizar tódolos servizos e recursos para acoller aos ucraínos desprazados pola guerra que están chegando á nosa cidade.

Trátase maioritariamente de mulleres de tódalas idades, que chegan soas ou en familia, e que carecen de recursos, contan coa barreira do idioma e arrastran o shock emocional de ter que abandoar de golpe o seu país, aos seus maridos e fillos e a vida que levaban ata o momento.

“Trátase maioritariamente de mulleres de tódalas idades, que chegan soas ou en familia, e que carecen de recursos”

Estamos falando dunha experiencia pioneira a nivel municipal en Galicia?
Entendo que cada Concello, na medida das súas posibilidades, está ofrecendo servizos e recursos. No noso caso ten sido fundamental contar con AGA Ucraína, a asociación galega de axuda a Ucraína, que constituíuse na Coruña pouco antes de crearse a OMAPU e cuxa labor é imprescindible para comunicarnos cos refuxiados e detectar as súas necesidades.

Cal é orzamento e os recursos con que contades?
Dende o Concello puxemos a disposición dos refuxiados tódolos recursos e servizos municipais ao noso alcance: cesión de espazos para actividades e clases de español, reforzo de persoal para tramitación de axudas, acompañamento de voluntarios… A través de acordos con distintas institucións e empresas da cidade estamos tamén financiando programas como o da axuda de acollida: un diñeiro de peto para que poidan afrontar gastos cotiás mentres se tramitan outras axudas. Tamén colaboramos na celebración de eventos para recadar fondos, como a recente carreira Coruña 10.

“Ata o momento temos atendido a 286 persoas, unhas 74 unidades familiares”

Cantas solicitudes de axuda de refuxiados ucraínos tedes recibido?
Ata o momento temos atendido a 286 persoas, unhas 74 unidades familiares.
Tedes estatísticas do número de refuxiados ucraínos recibidos no Concello?
Do número total de atencións hai 56 familias que residen na Coruña.

Tedes colaboración con outras entidades na Coruña de axuda a refuxiados?
A nosa canle de comunicación principal é AGA Ucraína, pero naturalmente estamos ao tanto do traballo que realizan outras entidades como Cruz Vermella, Cáritas….

Yoya Neira, responsable da OMAPU.

E na Ucraína, tedes algún contacto institucional?
Non.

Cal é a receptividade da veciñanza coruñesa á vosa labor?
Magnífica. A Coruña é unha cidade acolledora e estase volcando cos refuxiados. Hai mozos e mozas acudindo ao colexio e integrándose co seus compañeiros. Moitas entidades deportivas da cidade lles abriron as portas; temos peticións para facer acompañamento e voluntariado. Estamos moi orgullosos da empatía e da sensibilidade das e dos coruñeses.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos