Os políticos se preparan para un 2023 electoral

Setembro marca o inicio de curso para os partidos políticos

Aldea Global | Tralas vacacións estivais, ‘volta ao cole’ do establishment político preparando un outono que se presume ‘quente’. Os principais partidos políticos a nivel estatal afinan estratexias para iniciar o ‘novo curso político’ 2022-23 cun intenso horizonte electoral á volta da esquina: municipais de maio 2023; xerais de novembro 2023 e, no caso galego, autonómicas 2024.

O ‘pistoletazo de saída’ deuno o goberno de Pedro Sánchez o pasado 23 de agosto, cun Consello de Ministros extraordinario. Continuou dous días despois cun pleno no Congreso dos Deputados que permitiu, entre outras medidas, aprobar o plan enerxético.

Paralelamente, Sánchez activou unha xira exterior por Colombia, Ecuador e Honduras na que buscaba reposicionar o papel de España ante o novo contexto hemisférico así como definir un novo rol para a UE á hora de reducir espazos de actuación de Rusia e China en América Latina, co foco na recomposición xeopolítica global a carón da guerra ucraína e das tensións en Taiwán.

En canto a concentracións políticas, o máis ‘madrugón’ foi o PP. O 27 de agosto, os ‘populares`deron inicio ao seu curso político na localidade pontevedresa de Cerdedo-Cotobade. Queren apuntar alto na súa pretensión de chegar á Moncloa, tal e como advirten algunhas enquisas.

No rural pontevedrés estivo presente o ‘alto mando’ do ‘novo PP’, con seu candidato Alberte Núñez Feijóo á cabeza, seguido do seu sucesor na Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o presidente andaluz Juanma Moreno, a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso, o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco e o presidente murciano Fernando López Miras.

Similar perspectiva tivo a estrela política en ascenso, a vicepresidenta segunda e ministra do Traballo Yolanda Díaz, quen tamén quixo marcar o ritmo político neste inicio de curso. E tamén elixiu o rural, agora baixo o lema “Rural vivo”. A de Fene estivo este 1º de setembro na localidade lucense do Courel, castigado polos incendios deste verán. Yolanda Díaz quere impulsar na súa natal Galicia a súa plataforma electoral ‘Sumar” poñendo o foco no despoboamento do rural, atraendo o voto cidadá descontento co establishment político e facendo honores ao escritor Uxío Novoneyra.

Díaz sabe que está nun momento político chave. No Courel iniciou unha xira política de catro meses por distintos puntos da xeografía española na que buscará elevarse como unha alternativa política crible, en particular ante a posibilidade dunha coalición Feijóo-VOX con miras á Moncloa. Está inmersa nunha “cruzada” contra a patronal defendendo o aumento salarial e as mobilizacións sindiciais ante a crise ‘que se avecina’. Toda vez, Díaz critica a viraxe “otanista” do seu socio de goberno Pedro Sánchez. Un pulso a varias bandas que permitirá medir cal é a súa capacidade política.

A aposta de Yolanda Díaz lévanos á outra beira da esquerda española: Unidas Podemos (UP). Os “morados” tentan equilibrar as súas expectativas electorais calculando a posibilidade de unir forzas coa candidatura de Díaz.

Sen concentracións políticas masivas nin xiras exteriores, os voceiros de UP Alejandra Jacinto e Pablo Fernández deixaron entrever na rolda de prensa de inauguración do curso político que están abertos a negociar coa “opción Díaz”. O obxectivo é coordinar plataformas a nivel autonómico e local para marcar a ‘folla de ruta’ electoral 2023.

Benvidos ao novo curso político con horizonte electoral 2023. A política volve nun contexto de crise económica e xeopolítica global. E non esquencemos que o presidente francés Emmanuel Macron xa anunciou o “fin da era da abundancia”, co foco na enerxía ante o inverno ‘que se avecina’.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.